Apertura cidadá aos orzamentos de 2025 en Poio

Poio
06 de decembro 2024

A convocatoria do Consello de Participación Veciñal está prevista no salón de plenos do Concello ás 19.30 horas do martes 10 de decembro

Consello de Participación Veciñal de Poio con Ángel Moldes Concello de Poio

O goberno local de Poio convocou para o vindeiro martes, 10 de decembro, o Consello de Participación Veciñal co obxectivo de recoller achegas cidadás para a elaboración dos orzamentos municipais do próximo ano.

A xuntanza, segundo anuncian desde o goberno municipal, terá lugar no salón de plenos da Casa do Concello ás 19.30 horas.

O encontro, que contará coa presenza de representantes dos grupos municipais e das asociacións veciñais locais, enmárcase na aposta do executivo local polo diálogo e a participación cidadá.

"Somos un Goberno que escoita e queremos coñecer as opinións da veciñanza sobre un documento prioritario que marcará a acción e xestión dos próximos doce meses", sinalou o alcalde Ángel Moldes.

O rexedor adiantou que, tras o orzamento de transición de 2024, as contas de 2025 non contemplarán operacións de endebedamento.

Moldes afirma que o documento de 2024 permitiu sanear as arcas sen afectar á prestación dos servizos municipais-,

Ademais, incluirán unha redución nos impostos dos vehículos e dos vados, así como bonificacións no IBI para as familias numerosas do municipio, mantendo conxelado o resto de tributos, explican desde o goberno local.

O Consello de Participación Veciñal acolle colectivos veciñais para que emitan propostas e abran debates sobre o municipio en relación coas necesidades das parroquias e de distintos sectores sociais.