A explanada do Recinto Feiral de Pontevedra quedou baleira durante a noite deste venres na anunciada reapertura deste espazo como botellódromo "para actividades festivas e de lecer para a mocidade".
Apenas acudiron unha trintena de mozas que quedaron no parque de Rosalía de Castro, sen subir ata a explanada.
Todo este espazo estaba cheo de valos e contedores á espera de que unha multitude acudise a este espazo considerado polo Concello como "dotacional", sorteando así a Lei de Saúde de Galicia que prohibe "o consumo en grupo de bebidas alcohólicas na vía pública, parques e prazas públicas e outros lugares de tránsito público".
A actuación contratada polo Concello de Pontevedra do DJ da Duendeneta non tivo público. Dous coches patrulla da Policía Local déronse unha volta por esta zona pero non había nada que vixiar.
Para este sábado o Goberno local anunciou que neste botellódromo contratou a actuación de LouVan Street Band e tamén unha acción informativa da empresa Marexada destinada a previr e reducir o consumo de substancias adictivas entre os mozos e adolescentes. Tamén hai previsión de choivas.