Apenas 200 pellets, 200 quilos de lixo e algunhas curiosidades na xornada de limpeza das praias de Marín

Marín
20 de xaneiro 2024

A xornada de limpeza de praias coa que o Concello de Marín quixo canalizar a crecente sensibilidade cidadá cara á presenza de residuos nos areais congregou a máis de 100 persoas voluntarias que, durante toda a mañá deste sábado, percorreron o litoral do municipio para retirar residuos  

Xornada de limpeza nas praias de Marín Cristina Saiz

A xornada de limpeza de praias coa que o Concello de Marín quixo canalizar a crecente sensibilidade cidadá cara á presenza de residuos nos areais congregou a máis de 100 persoas voluntarias que, durante toda a mañá deste sábado, percorreron o litoral do municipio para retirar residuos. 

A partir das 9.30 horas da mañá, brigadas de voluntarios repartíronse as praias de Portocelo, Mogor, Aguete, Loira, A Ribeira, O Santo e A Coviña, entre os que non faltou a alcaldesa, María Ramallo, que asumiu tarefas de limpeza en Portocelo.

A mañá deixou curiosidades como a localización nas praias de bolsas con excremento de cans ou con entullos de obras, que chamaron a atención do os voluntarios que se sumaron á iniciativa.

Como balance final, segundo os datos oficiais facilitados polo Concello de Marín, apenas se recolleron 200 unidades de granulados, coñecidos como pellets.

Estes microplásticos que empezaron a chegar ao litoral galego a mediados de decembro tras perderse un contedor do mercante Toconao causaron gran preocupación social e son a orixe desta crecente sensibilidade ambiental, pero a súa presenza nas praias de Marín é "moi testemuñal".

Si foi superior a cantidade de lixo mariño e outro tipo de residuos que se puideron localizar na costa. Así, recolléronse máis de 200 quilos de lixo.

Os residuos localizados serán reciclados de maneira selectiva e realizarase un informe dos mesmos, rexistrando a súa tipoloxía e a cantidade recollida praia por praia. 

 Os voluntarios traballaron con material para a recollida, consistente en bolsas e luvas, e recibiron indicacións do Concello sobre como debía realizarse a limpeza.

Arquivado en