Apelan á "responsabilidade" cidadá ante o aumento de casos de covid-19

Pontevedra
17 de outubro 2020

Os municipios da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, especialmente aqueles que se atopan incluídos entre as zonas de especial restrición pola alta incidencia da covid-19, coincidiron en apelar á "responsabilidade" cidadá para frear os contaxios

Incidencia da covid.19 nos concellos da área sanitaria a 17 de outubro Xunta de Galicia

Os municipios da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, especialmente aqueles que se atopan incluídos entre as zonas de especial restrición pola alta incidencia da covid-19, coincidiron en apelar á "responsabilidade" cidadá para frear os contaxios.

Preocupa especialmente a situación de Vilagarcía de Arousa que, segundo os indicadores de Sanidade, atópase en nivel de alerta 3 -o máis elevado- ante a incidencia que tivo a pandemia no últimos sete días.

Ante os 43 casos activos, un máis que onte, o goberno municipal pide aos seus veciños que sexan responsables, tanto a nivel individual como colectivo, para reducir os contaxios de maneira "drástica" e acabar coas restricións vixentes.

Pontevedra, que se atopa no nivel de alerta 2, rexistrou este sábado 128 casos activos, sete máis que o venres. Poio tamén se mantén nesta mesma alerta. 

Con respecto á semana anterior, Marín pasa a nivel de alerta 1, a pesar de contar cun caso activo máis que onte, ata un total de 36.

Caldas de Reis e Vilanova de Arousa (21 casos, dous máis que onte) son os outros dous municipios da área sanitaria que se sitúan nun nivel de alerta 1, segundo o barómetro de Sanidade.

O resto de concellos que estaban incluídos nas zonas de especial restrición, como Sanxenxo, Cambados e Meis, lograron reducir a incidencia da covid-19 e, ao contar con menos de sete casos activos, a alerta reduciuse ata o nivel 0.

AUMENTA A INCIDENCIA EN CUNTIS

Aínda que polo momento Sanidade non inclúe a Cuntis nos municipios con restricións, desde o goberno municipal alertaron que a incidencia do virus está a aumentar en toda a comarca e rexístrase unha tendencia á alza "preocupante":

A este respecto, o Concello explica que unha aula do CPI Don Aurelio está en illamento e insiste en que reverter esta situación "é responsabilidade de todos". Anticiparse á cadea de contaxios é, segundo o goberno municipal, "imprescindible" para evitar medidas "drásticas".

O Concello advirte que as autoridades aumentarán a vixilancia e sancionarán ás persoas que incumpran as normativas de seguridade en locais, terrazas e espazos públicos.