Apelan á "conciencia cidadá" para combater as causas de pobreza e exclusión social

Pontevedra
02 de setembro 2022

O director de Traperos de Emaús Navarra, José María García, apelou á "conciencia cidadá" como fórmula para combater as causas de pobreza e exclusión social porque esa mobilización social "é o único que pode cambiar as cousas". Foi no marco da primeira escola de formación política organizada pola asociación Boa Vida

Escola de formación política organizada pola asociación Boa Vida PontevedraViva

O director de Traperos de Emaús Navarra, José María García, apelou á "conciencia cidadá" como fórmula para combater as causas de pobreza e exclusión social porque esa mobilización social "é o único que pode cambiar as cousas".

García, que participou este venres na primeira escola de formación política organizada pola asociación Boa Vida en Pontevedra, afirmou que ese "poder popular" é unha ferramenta fundamental "para ser actores na construción social".

 Para iso, o director desta fundación social e ambiental animou aos cidadáns a "interactuar" coas realidades sociais, políticas e económicas "nas que nos movemos" e que, segundo sinalou, "son as causantes de todos os elementos de pobreza e exclusión".

"Temos que facer unha reflexión que nos faga ser máis donos de nós mesmos e crear marcos de reivindicación e de propostas para unha sociedade moito máis inclusiva, xusta e repartida", sinalou José María García.

Tras lembrar que só o 25% da poboación mundial cobre as súas necesidades básicas, García pediu que os cidadáns "cuestionen" a súa forma de consumo ou a relación coa súa contorna, buscando unha "amabilidade social" que permita unha vida "equilibrada e digna".

Cada persoa, segundo o responsable de Traperos de Emaús Navarra, "ten moito que facer" para crear espazos "moito máis amables" que se opoñan a unha globalización "que nos está levando a mundo desbocado e que non resolve os problemas da situación mundial".

Os gobernantes "non están á altura" da problemática "tan profunda e tan fonda" que atravesa a sociedade actual porque, engadiu José María García, "están ao servizo do mercado e centrados nun crecemento permanente do PIB que é absurdo".

"Non podemos seguir crecendo infinitamente nun mundo que é finito", sostivo García, que ve a crise dos combustibles como unha "advertencia" da escaseza de bens e recursos.

Se como sociedade, reiterou o director da fundación, "deixamos todo en mans dos políticos" seguiremos camiñando nas mesmas dinámicas de crecemento e de "desenvolvemento só para uns poucos", ante o que esa acción cidadá antóllase "fundamental".

Ante as mensaxes científicas sobre a emerxencia climática e o esgotamento dos recursos naturais, sentenciou José María García, "temos que deixar a senda do crecemento e pasar dun modelo capitalista a outro máis respectuoso cos bens e as persoas".

"A sociedade non funciona nos parámetros actuais", subliñou García.

A escola de formación política que a asociación Boa Vida organiza en Pontevedra, ademais da intervención do director de Traperos de Emaús Navarra, inclúe un faladoiro sobre a crise económica e de valores xurdida por mor da pandemia e da guerra de Ucraína.