Aparecen crías de gato abandonadas nun contedor de Portocelo

Marín
22 de maio 2024

O Concello de Marín condena o maltrato animal despois de comprobar que un dos gatos faleceu. O resto da camada quedou a cargo da asociación 'Respeta, rescata, protege y adopta'. O goberno local de Marín achegará unha axuda municipal para colaborar na manutención dos animais

Gatos rescatados nun contedor de Portocelo Concello de Marín

Unha camada de cinco gatos era atopada nun contedor próximo á praia de Portocelo, no vial das praias de Marín.

Unha persoa alertou á Policía Local da presenza dos animais. Desde a concellería de Medio Ambiente deron aviso a un operario para que rescatase aos animais abandonados dentro do contedor.

Un deles xa falecera no momento en que se retiraban do recipiente, segundo informa o Concello de Marín. 

O resto de felinos foron entregados a unha voluntaria da asociación 'Respeta, rescata, protege y adopta', este colectivo encargarase do seu coidado co apoio económico do servizo municipal para a manutención das crías atopadas.

Marián Sanmartín, concelleira responsable de Medio Ambiente, realizou unha condena "brutal e rotunda" ante situacións como estas e lembra á cidadanía que o benestar animal é un dereito regulado por unha lei estatal e que o Concello está a traballar para aplicala de maneira que se eviten este tipo de incidencias.