Aparece unha pintada anti PP e anti Ence na casa do ex alcalde Pedrosa

Pontevedra
27 de xaneiro 2016
Actualizado: 13:26

"Hijos de la gran puta del PP. Ence no". Con esta mensaxe escrita en letras negras de gran tamaño 'decoraron'' o muro exterior da casa do actual director da Sociedade de Salvamento e Seguridade Marítima na rúa Rosalía de Castro. Trátase dun acto vandálico que agora terá que ser investigado

Pintada anti PP e anti Ence na casa de Juan Luis Pedrosa PontevedraViva

"Hijos de la gran puta del PP. Ence no"Con esta mensaxe ofensiva que vencella ao Partido Popular co empresa Ence 'decoraron' este martes os muros da casa do ex alcalde de Pontevedra e actual director da Sociedade de Salvamento e Seguridade Marítima Juan Luís Pedrosa. 

A pintada, de gran tamaño e letras negras, abarca todo o muro exterior da casa unifamiliar do político do PP no número 68 da rúa Rosalía de Castro, a escasos metros do colexio Salvador Moreno e a Casa do Mar. Trátase dun acto vandálico que agora terá que ser investigado.

Ata o momento, descoñécese o momento exacto en que a pintaron, pero tivo que ser nalgún momento da noite do luns ao martes, pois os donos vírona por primeira vez a primeira hora da mañá deste martes. A imaxe empezou a circular na tarde polas redes sociais indubidablemente vencellada á noticia de que o Goberno do Estado renovou a prórroga da concesión de Ence para que continúe nos terreos actuais de Lourizán outros 60 anos, ata 2073. 

Juan Luís Pedrosa foi o último alcalde do PP de Pontevedra, ata que en 1999 o BNG de Miguel Anxo Fernández Lores chegou á Alcaldía e cambiou a postura do Concello da capital en relación coa permanencia de Ence, mostrando unha oposición radical á súa localización en Lourizán que nunca apoiara Pedrosa. Durante anos estivo afastado da primeira liña da política local, pero nas últimas eleccións municipais de maio de 2015 presentábase no posto número 24 da lista do PP.

Fontes policiais confirmaron que a familia de Pedrosa presentou denuncia por esta pintada na Comisaría Provincial da Policía Nacional. A Policía Científica trasladouse ata a rúa Rosalía de Castro para sacar imaxes do muro pintado e tentar xuntar probas que lles permita dar co autor ou autores do acto vandálico.

Arquivado en