"Ao volver a China adaptaremos o aprendido aquí do Plan Revitaliza ao noso contexto"

Pontevedra
01 de outubro 2019

Carmela Silva e César Mosquera recibiron unha delegación chinesa interesada no Plan Revitaliza. Trátase dunha viaxe organizada pola Fundación Vanke, que patrocinou un itinerario por Italia, Pontevedra, País Vasco e Navarra para coñecer os modelos de xestión de lixo orgánico máis avanzados en Europa

Recepción á delegación chinesa interesada no Plan Revitaliza Cristina Saiz

O Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra acolleu este martes a recepción institucional da presidenta Carmela Silva e o vicepresidente César Mosquera a unha delegación chinesa interesada no Plan Revitaliza.

Trátase dunha viaxe organizada pola Fundación Vanke, que patrocinou un itinerario por Italia, Pontevedra, País Vasco e Navarra para coñecer os modelos de xestión de lixo orgánico máis avanzados en Europa.

Os seus integrantes son membros do goberno provincial do Cantón, de ONG, científicos e expertos nos residuos e visitaron ao longo do día varios centros de compostaxe comunitaria que, segundo consideran, son perfectamente exportables a algunhas zonas do seu país.

A secretaria xeral da Fundación Vanke, YiMei Chen, explicou que na China a economía está a desenvolverse moi rapidamente e un dos obxectivos da fundación é tomar medidas.

YiMei Chen explicou que "en moitas cidades chinesas se ven os biorresiduos como un problema ambiental e vemos que hai alternativas para a súa xestión. Ademais dos beneficios ambientais que se poidan conseguir, vemos que hai unha oportunidade para sacarlle proveito aos residuos", como é facendo compost.

Dende a Fundación Vanke traballan con expertos mundiais na busca das mellores prácticas no mundo, por iso achegáronse a Pontevedra para "ver como funciona o modelo Revitaliza cos nosos propios ollos e aprender".

Chen destacou, logo do encontro no pazo provincial, o consello dado polo vicepresidente Mosquera "aprender dos erros" como unha parte moi importante da aprendizaxe, e subliñou que "cando volvamos á China teremos que adaptar o que temos aprendido aquí ás nosas propias circunstancias e contexto", finalizou.

UN PROBLEMA A NIVEL MUNDIAL

O vicepresidente Mosquera afirmou que a visita da delegación chinesa a Pontevedra amosa que "hai un problema a nivel mundial, en todos os países, cos residuos".

"Todos andamos a buscar vías para resolvelo. Nós aportamos a nosa solución, o noso camiño para a solución. Comprenderedes que esta repercusión que está a ter o Revitaliza, con esta delegación chinesa e a semana anterior dende Bruxelas, de Zero Waste, anímanos a seguir neste camiño e a reforzar as medidas e o proxecto Revitaliza, que creo que aínda nos vai dar moitísimas alegrías máis das que nos está a dar", dixo.

Durante a recepción unha das representantes da delegación chinesa regalou á Deputación unha frase escrita en chinés que dicía "aínda que esteamos en lugares moi alonxados, vivimos no mesmo mundo".

"Aínda que esteamos en lugares moi alonxados, vivimos no mesmo mundo"

A presidenta Carmela Silva subliñou que "aquí en Pontevedra se puxo marcha un proxecto para o tratamento dos residuos sólidos e chegou ata a China, teñen coñecemento alí nunha das grandes potencias do mundo. Hoxe hai aquí unha potencia mundial vendo como funcionan os composteiros que puxo en marcha a Deputación de Pontevedra".

Silva indicou que hai maior conciencia de tratar os residuos de maneira sostible en todos os lugares do mundo e subliñou o seu orgullo de recibir a delegación na Deputación, "porque significa que somos unha referencia na xestión do lixo. Sentimos que podemos estar aportando algo, e iso é unha obriga política".

A presidenta fixo recoñecemento público ao vicepresidente por ser o impulsor do Revitaliza asegurando que o plan de compostaxe "ten sido, é, unha aventura".

"Hai que ser valentes para poñer en marcha proxectos absolutamente diferentes que se están a analizar en moitos lugares. Entenderán vostedes que iso nos satisfaga, amosar ao mundo unha forma de facer política", finalizou.

A delegación chinesa visitou este martes composteiros en Ribadumia, Vilagarcía e Barro e estará este mércores en Vilaboa e Pontevedra, rematando a súa estadía cunha comida no CIFP Carlos Oroza, onde verán como se pecha o círculo dos produtos da mesa e biorresiduos da cociña ao composteiro, á horta ecolóxica e de novo á cociña para ir á mesa.