Ao Concello non lle agrada que ENCE patrocine a etapa de La Vuelta en Pontevedra

Pontevedra
14 de xaneiro 2013

"Claro que non nos agrada", admitiu hoxe o portavoz do goberno municipal, Raimundo González. Pola súa banda o director do Centro de Operacións de Ence en Pontevedra, Antonio Casal, dixo ter claro que "nestes tempos, tan difíciles para tantas persoas, debemos ser máis activos que nunca á hora de sumarnos a iniciativas da cidadanía ou as administracións que sirvan para axudar a mellorar as cousas"

Director do Centro de Operacións de Ence en Pontevedra, Antonio Casal PontevedraViva

"Claro que non nos agrada", admitiu hoxe o portavoz do goberno municipal, Raimundo González, respecto ao patrocinio da empresa ENCE á etapa de La Vuelta ciclista a España que sae de Pontevedra.

O concello capitalino ten un acordo coa empresa organizadora de La Vuelta, Unipublic, para que estean aquí determinados equipos antes da saída e que se instalen aquí en Pontevedra e ao mesmo tempo ser inicio de etapa, informou o edil.

"Conseguen un financiamento dunha empresa contaminante, que nós non compartimos a súa actuación pero evidentemente non nos podemos meter no que unha empresa privada fai para financiar a súa actividade, pero claro que non nos agrada", declarou o portavoz municipal.

Raimundo González engadiu que a relación do Concello con La Vuelta atópase xa no terceiro ano, "o primeiro ano empezamos só no concello, o segundo ano tamén entrou a Deputación, este ano tamén esta Deputación e conseguen financiamento por esa outra vía. Agardo que non choquemos", concluíu.

Pola súa banda o director do Centro de Operacións de Ence en Pontevedra, Antonio Casal, mostrou a súa satisfacción polo feito de que a empresa poida apoiar a saída de La Vuelta, por vez primeira na súa historia, desde a provincia de Pontevedra.

"Debemos ser máis activos que nunca á hora de sumarnos a iniciativas da cidadanía"

"O feito de que a saída vaia a ter lugar nas Rías Baixas é unha magnífica oportunidade para a comarca. Por iso non tivemos ningunha dúbida cando se nos pediu que apoiásemos económicamente esta iniciativa, máxime cando unha das etapas sae de Pontevedra, unha cidade, e unha comarca, que esta empresa leva no seu ADN" dixo Casal.

O Director de ENCE-Pontevedra dixo ter claro que "nestes tempos, tan difíciles para tantas persoas, debemos ser máis activos que nunca á hora de sumarnos a iniciativas da cidadanía ou as administracións que sirvan para axudar a mellorar as cousas".