Anunciará Louzán hoxe a súa retirada?

Pontevedra
29 de xaneiro 2016

O PP de Pontevedra convocará este venres o seu congreso na xunta directiva prevista para esta tarde á que asistirá o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo. Despois da despedida de Carlos Negreira do PP da Coruña, espérase o mesmo xesto por parte de Rafael Louzán cedendo o liderado provincial do PP pontevedrés.

Rafael Louzán Mónica Patxot

O PP de Pontevedra celebrará este venres a súa xunta directiva á que asistirá o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, e na que está previsto que se convoque o congreso provincial.

Despois da despedida de Carlos Negreira do PP da Coruña, espérase o mesmo xesto por parte de Rafael Louzán cedendo o liderado provincial do PP pontevedrés.

O actual presidente do Partido Popular en Pontevedra presentou o pasado mes de setembro a súa dimisión como deputado provincial na Deputación, institución que presidiu ata as pasadas eleccións municipais, cando PSOE e BNG chegaron a un acordo para un pacto de goberno.

Aínda que o líder dos populares pontevedreses segue realizando labores de asesoramento do grupo provincial do PP, Rafael Louzán está centrado no seu labor como presidente da Federación Galega de Fútbol. A súa última proposta á fronte deste cargo foi a firma dun convenio coa Universidade de Vigo para que esta realice un estudo sobre a implantación dunha quiniela do fútbol galego.

Reelixido en marzo de 2013 por quinta vez como presidente provincial, Louzán foi encadeando desde entón malos resultados electorais nos comicios municipais e xerais. De forma paralela foi sumando imputacións xudiciais.