Anova pedirá á Unión Europea a investigación das verteduras da depuradora de Praceres na ría

Pontevedra
16 de setembro 2014

Claudio Quintillán, responsable ambiental do partido, afirma que as emisións de verteduras na contorna de Tambo parecen libres e reclama un maior número de controis apuntando á Xunta e aos Concellos de Pontevedra, Poio e Marín como responsables desta situación

Integrantes de Anova
Integrantes de Anova / PontevedraViva
Claudio Quintillán denuncia as verteduras da depuradora preto de Tambo /

A agrupación política Anova trasladará a Unión Europea, a través da súa eurodeputada Lidia Senra, unha petición para que se investiguen as emisións que se realizan por parte da depuradora nas proximidades da illa de Tambo a través do emisario submarino.

Indican que son numerosas as queixas pola cantidade de elementos que emerxen na zona na que se encontra localizado o emisario. Aseguran que se produce unha especie de volcán que emite millóns de partículas con papeis, bólas de graxa, aceite e outros elementos, que detectaron, en tres ocasións durante o último mes.

Claudio Quintillán denuncia o silencio por parte dos Concellos de Pontevedra, Poio e Marín derivado, segundo dixo, do temor ás consecuencias que podería ter facerse eco desta situación para o sector marisqueiro da ría de Pontevedra. Por este motivo, entenden que a Xunta tería que aumentar o número de análise xa que, segundo Quintillan, se realizan trimestralmente os de residuos mentres que os de químicos e biolóxicos son anuais.

Dende Anova entenden que a Unión Europea debería realizar inspeccións sorpresa e comprobar tamén a influencia que ten Ence nesas verteduras. Claudio Quintillán reclama un control exhaustivo porque a factoría pasteira conflúe tamén na depuradora.

DEPURADORA EN POIO

En relación coa instalación dunha estación depuradora en Poio, Anova reclama unha planificación previa e buscar unha fórmula de consenso para poder dotar deste servizo o municipio, ante a oposición veciñal ao proxecto no ámbito de Laño, en Samieira.

Quintillán é partidario de que se instale nunha zona de monte pero o custo que supón provocou que se desestime esta posibilidade, segundo apuntou. O voceiro de Anova, Daviz Carballal, sinalou que é máis prexudicial para a imaxe turística que se peche ao baño unha praia, como sucedeu coa de Laño e Raxó este verán, que a implantación dunha estación depuradora.