O Laño manterá durante todo o verán a cualificación de "insuficiente" na calidade das súas augas
Por Diego Espiño
A praia do Laño manterá durante toda a tempada estival a cualificación de "insuficiente" na zona de baño do areal.
Así o confirmou a Consellería de Sanidade, que insta ademais o Concello de Poio a manter a recomendación de non se bañar na zona independentemente do resultado da análise realizada no Laño nos últimos días, despois de que un control o pasado 22 de xullo detectase a presenza de contaminación por fecais.
A Xunta matiza que "dita calificación non implica que as augas estean permanentemente contaminadas, senon que orienta sobre a maior probabilidade de exposición dos bañistas a episodios de contaminación".
Segundo explica Sanidade, o Concello deberá manter esta cualificación de insuficiente para cumprir a normativa europea ao respecto mentres se investiga e identifica a causa do resultado desfavorable para aplicar medidas correctoras que se verificará en sucesivas análises co obxectivo de recualificar a zona de baño na próxima tempada.
Consultado a este respecto o alcalde de Poio, Luciano Sobral, recoñeceu que esta medida lle parece "bantante inxusta e excesiva", toda vez que o resto de análise da tempada reflexara resultados positivos.
Á espera de coñecer os datos da contraanálise Sobral asegura que se a situación na auga se normalizou "trataremos de argumentar en contra", motivo polo que encargaron controis propios e semanais na zona de baño e tamén nos regatos próximos.
O acalde recoñece que nos últimos anos as análises de Sanidade detectaron episodios similares, pero sempre "con parámetros dentro do normal".
BAÿO PROTESTA DOS VECIÿOS
A Plataforma Veciñal de Samieira protagonizou un baño protesta no areal ante os últimos acontecementos.
Os usuarios do Laño aseguran non entender que "tantos días despois do incidente, as autoridades locais non informan sobre cal foi a orixe do problema, quen se vai a responsabilizar da neglixencia e cales son as medidas que se tomarán para que non volva suceder".
Ademais os veciños quéixanse da lentitude de todo o proceso, iniciado coa análise do pasado 22 de xullo e notificado aos bañistas o pasado sábado día 26.