Animan a participar nunha recollida de "basuraleza" no Lago Castiñeiras

Marín
02 de marzo 2020

A actividade de concienciación ambiental está organizada por Ecoembes e o Concello de Marín e contará ca participación dos voluntarios da Fundación Juan XXIII, pero tamén está aberto á participación voluntaria da cidadanía. Será o martes 10 a partir das 10.30 horas

Lago de Castiñeiras Juan Mejuto

Un metro cadrado pola natureza. Así é o eslogan da campaña de recollida de lixo en espazos naturais de Ecoembes e SEO/Birdlife, unha iniciativa que xa se ven facendo nos últimos en anos en diversos lugares, incluíndo á vila marinense, onde se realizou en pasadas épocas na zona dos areais.

Desta quenda, o obxectivo de Ecoembes é achegar esta actividade a outro tipo de espazos verdes dos municipios, animando á cidadanía e aos colectivos sociais locais a participar recollendo o que deron en chamar "basuraleza", é dicir, todos aqueles residuos que pasan a formar parte da nosa paisaxe natural, degradándoa e causando un importante impacto ambiental.

A concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, informou este luns da adhesión de Marín a esta iniciativa, "que no noso caso será levada a cabo no Lago Castiñeiras, que consideramos unha das nosas zonas verdes máis importantes e que é utilizada por centos de marinenses e visitantes, polo que é o lugar idóneo para levar a cabo esta actuación de concienciación".

O lago acollerá esta recollida de lixo o próximo martes, 10 de marzo, a partir das 10.30 horas. A actividade contará ca participación dos voluntarios de Juan XXIII que actualmente ocupan as instalacións do antigo Centro de Recuperación de Aves, reconvertido nun centro de formación dual de Xardinaría. 

Xunto con eles, "pode participar calquera persoa que teña interese en axudar", asegurou a concelleira.