Animan á cidadanía a suplir a falta de luces de Nadal iluminando fachadas, escaparates e balcóns

Pontevedra
29 de novembro 2022

"Imos encher fiestras e balcóns de luz para acender Pontevedra como merece e festexar o comezo das festas de Nadal", piden os promotores, que queren demostrar que "entre todos e sen axuda de estamentos públicos de ningunha cor", a cidade "brilla tamén no Nadal" a pesar de que non terá iluminación ata o 16 de decembro 

Iniciativa cidadá #iluminapontevedra

"Imos encher fiestras e balcóns de luz para acender Pontevedra como merece e festexar o comezo das festas de Nadal". Con esta frase, unha iniciativa cidadá xurdida nas últimas horas fai un chamamento a toda a poboación para poñer da súa parte e lograr que a cidade teña ambiente de Nadal a pesar de que ata o 16 de decembro non se acenderá o alumeado típico destas festas. 

Os promotores animan a comerciantes, hostaleiros e "todo o que queira participar" a iluminar fachadas, escaparates, fiestras, balcóns "e todo o que se nos ocorra".

Esta iniciativa pide á cidadanía e aos negocios que iluminen os seus locais e vivendas "na medida das nosas posibilidades", en alusión ao elevado prezo da enerxía e o seu impacto na economía a nivel global. 

O que se busca é demostrar que "entre todos e sen axuda de estamentos públicos de ningunha cor", a cidade de Pontevedra "brilla tamén no Nadal".

Esta iniciativa cidadá xurde en resposta á decisión municipal de atrasar o acendido da decoración lumínica de Nadal máis alá das datas habituais.

Desde a mañá deste luns, este chamamento social empezou a circular a través das redes sociais e vía WhatsApp e foron moitos os establecementos comerciais de Pontevedra que se sumaron á súa difusión.

A decisión de atrasar o alumeado causou malestar entre comerciantes, hostaleiros e cidadanía e xa levou a iniciar unha recollida de firmas para cuestionar a decisión por "arbitraria e insolidaria" cun sector que "foi un dos mais afectados" pola pandemia e "está a pagar agora tamén a crise económica derivada da invasión de Ucraína".