Ángeles Díez: "Non hai nada máis antidemocrático que a Xefatura do Estado por herdanza"

Pontevedra
11 de setembro 2020

A doutora en Ciencias Políticas e Socioloxía da Universidade  Complutese, Ángeles Díez, participa nas Xornadas de Memoria Histórica que organiza a  Deputación de Pontevedra cunha conferencia relacionada coa pervivencia do réxime franquista na actual democracia española

Ángeles Díez Mónica Patxot

A segunda edición das Xornadas de Memoria Histórica que a Deputación Provincial celebra estes días no Pazo da Cultura de Pontevedra analizan a Transición desde un punto de vista crítico e contan coa participación de expertos que defenden un discurso diferente ao oficial e ao que contan os libros de historia. Unha das voces máis críticas con este momento da historia de España é Ángeles Díez, doutora en Ciencias Políticas e Socioloxía da Universidade Complutese, quen considera que o sistema político vixente actualmente en España non é unha democracia real, "é unha Francocracia".

- Que lle parece que se organicen eventos relacionados coa memoria histórica nunha cidade como Pontevedra?

Paréceme fundamental. É unha débeda que ten este país e en Galicia en particular que sufriron e sido vítimas de todo o que significou a Transición. Paréceme fundamental que se fagan este tipo de eventos, primeiro polo título porque son xornadas contra a impunidade. E doutra banda, porque é o segundo título das xornadas deste ano onde se fala de reformular e de construír un relato da Transición que sexa distinto ao oficial. Nestes momentos de crise tan aguda que estamos a vivir necesitamos pensar que nos pasa e a orixe da crise na que estamos, que é económica pero tamén política.

- A súa conferencia versou sobre a pervivencia de vestixios do Franquismo na política actual

Máis que vestixios, eu digo que non se trata de pensar que hai unha continuidade tal cal, pero tampouco unha democracia. Creo que o que hai é un sistema novo, un réxime novo, que é unha especie de Frankenstein que se construíu con órganos de distintos corpos e que este sistema titúloo como Francocracia. Define moito mellor esa idea de que durante todo ese período prodúcese é unha mutación para adaptar o réxime e sistema político ás necesidades económicas nas que estaba este país nos anos 70 e que se prolonga ata estes días.

- Por que non ve unha democracia real en España?, en que se diferencia da doutros países como Portugal, Francia ou Reino Unido?

Todo depende de como definamos a democracia. Se imos máis aló de definila como un sistema político no que hai eleccións e alternancia de partidos, se imos máis aló do electoral e relacionámolo coa participación social, as liberdades e sobre todo coa posibilidade de que os proxectos sociais, as demandas da clase traballadora, de mellora das condicións de vida e de acceso a unha saúde pública, educación... Todas esas promesas dun sistema democrático, esas promesas sociais, teñen que ser reais. Se non do que estamos a falar é dunha democracia homologada internacionalmente pero que non implica a mellora das condicións de vida da xente, non é un proxecto popular. Que non se fale de democracia, que se fale no caso particular deste país de Francocracia.

- Institucións herdadas de sistemas anteriores son tamén as Deputacións, que organizan eventos como estas xornadas.

En cada ámbito territorial o que se reproduciron son os mecanismos que contaban con certa aceptación para garantir que se mantivese o poder das elites de cada zona. No caso de Galicia o peso desas elites que controlaron a economía e as condicións de vida da poboación teñan que garantirse a súa continuidade. Hai institucións que se conservaron e outras que se lles cambiou o nome. Por exemplo, o Tribunal de Orde Pública transfórmase na Audiencia Nacional, ademais o decreto que crea a Audiencia sae ao día seguinte de desfacerse o anterior tribunal e dos seus 16 maxistrados, 10 pasan á Audiencia Nacional, que ocupa o mesmo edificio que o Tribunal de Orde Pública. Ás veces temos a sensación de que cambiaron as cousas e non cambiaron como é este exemplo. No caso das Deputacións parécenos que hai continuidade porque se mantén esa estrutura territorial e esa forma de goberno pero non necesariamente. Hai que ver máis aló e ver se se incorporaron algunhas elites ou grupos distintos.

- A monarquía é outra institución instaurada tras o Franquismo, como valora o papel que tivo na Transición?

A Xefatura do Estado, o Exército ou a separación de poderes que temos, todos cumpriron un papel que ten que ver con impoñer determinada lectura dos acontecementos en contra da experiencia de vida da xente. A monarquía foi fundamental para lexitimar non a democracia, senón un novo réxime que non era democrático. Agora o interesante, ante as evidencias de corrupción na monarquía, hai un intento de centrar a atención na figura do rei Juan Carlos I facendo que a mirada se vaia ao caso particular deste monarca e desvíese do problema fundamental deste país. Que é que a Xefatura de Estado está en mans da monarquía, que ten toda a continuidade da Xefatura do Estado de Franco. De feito, o rei Juan Carlos asumiu en dúas ocasións antes de ser nomeado a xefatura do Estado, foi o propio Franco o que o nomeou sucesor e xurou no Parlamento os principios do movemento. Non hai nada máis antidemocrático que a Xefatura do Estado por herdanza. Iso é algo que a xente percibe máis aló da corrupción.

- Como socióloga, considera ao país e á sociedade española preparados para dar ese paso e abolir unha institución que non considera democrática?

O noso traballo é ver cales son as potencialidades deste país, da xente nova e non tan nova para cuestionarse o mundo no que viven. O fundamental é tratar de inserir esas críticas que aparecen como fragmentadas: a monarquía, o Parlamento, os partidos, a ultradereita, os movementos feministas e ecoloxistas... Hai unha potencia moi importante neste país para conseguir unha democracia que ten que pasar pola recuperación da memoria colectiva, que se base na verdade das vítimas. Esta crise na que estamos abre esa oportunidade para que esas loitas fragmentadas conflúan cara a unha loita común que é conseguir un país realmente democrático.