Ángel Moldes, voceiro do PP, cre que Mosquera "idealiza" o goberno da Deputación

Pontevedra
24 de agosto 2018

O popular insiste en que hai favoritismos e discriminación cara os concellos onde goberna o Partido Popular e asegura que a valoración realizada polo vicepresidente da Deputación está moi lonxe da realidade da provincia

Ángel Moldes, do PP, no último pleno de 2017 na Deputación Provincial Mónica Patxot

O vicepresidente da  Deputación, César Mosquera, realizaba nas últimas horas un balance dos tres anos de cogoberno na institución provincial entre o PSOE e o BNG. A súa análise positiva contrasta co resumo que realiza o portavoz do Partido Popular, Ángel Moldes deste período. 

Moldes considera que Mosquera ten o goberno completamente  idealizado e que está a describir o que lle gustaría ser e facer durante este tempo. Os populares entenden que a realidade da provincia é "diferente".

Ao representante do PP chámalle a atención que Mosquera sempre faga estes balances cando a presidenta Carmela Silva se atopa de vacacións e entende que se debe a que é o único momento en que os nacionalistas non se atopan tutelados polo PSOE.

Ademais, Moldes indica que aqueles aspectos destacados polo vicepresidente provincial no seu balance son os que "peor están a funcionar". Asegura que o Plan  Concellos está a espertar críticas dos alcaldes polas cantidades económicas e pola repartición que se realiza. Sinala que hai favoritismos e discriminación cara aos  concellos onde goberna o PP e afirma que o goberno bipartito non recibe a alcaldes populares.

En relación co Plan Revitaliza critica que Pontevedra sexa a provincia galega na que aumentan os residuos que se depositan na bolsa negra e que sigan sen eliminarse os contedores verdes como esixía o goberno provincial.

Por último, lamenta que César Mosquera presuma dos "lombos" pero que non atenda as achegas e suxerencias que fan os técnicos de asistencia sanitaria.