Andrés Díaz confía en que o mércores xa poida utilizarse o campo de fútbol de Chan da Barcia

Ponte Caldelas
31 de agosto 2024

Así, está previsto que o martes o Concello certifique a recepción da obra e "se todo está ben" o mércores xa se poderá adestrar neste campo

Campo de fútbol de Chan da Barcia Concello de Ponte Caldelas

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, informou que se están ultimando os detalles para reabrir a próxima semana o campo de fútbol de Chan da Barcia.

Así, está previsto que o martes o Concello certifique a recepción da obra e "se todo está ben" o mércores xa se poderá adestrar neste campo.

O rexedor destacou o "tempo récord" no que a empresa Limonta Sport Ibérica reconstruíu estas instalacións esnaquizadas fai dez meses por unha crecida do río Verdugo.

"Foi unha obra moi importante tramitada en tempo récord, tendo en conta a lentitude da burocracia e as pedras que a oposición pretendía colocar no camiño: o BNG pedindo o traslado do campo e o PP sendo cómplice coa súa abstención na votación", lembrou Andrés Díaz "menos mal que temos maioría absoluta, senón non teríamos campo en Chan da Barcia", engadiu.

O alcalde reiterou a súa aposta por manter o campo de fútbol no centro urbano, "por comodidade para as familias e como importante motor dinamizador da economía local".