Andaina simultánea en Pontevedra e Vigo para conmemorar o Día Mundial das Cidades

Pontevedra
12 de novembro 2019

A camiñada percorrerá este mércores os lugares máis representativos de ambas cidades e estará conducida por unha guía que explicará a súa historia e evolución

Deputación de Pontevedra Mónica Patxot

A Deputación celebrará este mércores, 13 de novembro, unha andaina simultánea en Pontevedra e Vigo para sumarse por vez primeira á conmemoración do Día Mundial das Cidades, que a ONU promove cada 31 de outubro desde o ano 2013 e que este ano ten como lema "Mellor cidade, mellor vida. Solucións innovadoras e unha mellor vida para as futuras xeracións".

Hai que lembrar que esta camiñada estaba prevista para o día 30 do mes pasado, aínda que as malas condicións meteorolóxicas obrigaron a pospoñela.

A andaina comezará ás 12 horas e en ambas cidades terá un percorrido circular. Xa está confirmada a asistencia de máis de trescentas persoas, entre os que se inclúen cidadáns pertencentes a diversos colectivos sociais e alumnado de centros educativos, aínda que o evento está aberto para que se sume a cidadanía en xeral.

A camiñada realizarana acompañados por unha guía que dará a coñecer os lugares máis representativos de ambas cidades, así como a súa historia e a evolución que experimentaron.

En Pontevedra, o itinerario terá o seu inicio e fin no Pazo Provincial. Dende este lugar camiñarase pola avenida de Montero Ríos ata a praza de España, de aí á avenida de Santa María, praza Alonso de Fonseca, rúa Isabel II, rúa Princesa, praza de Curros Enríquez, rúa dos Soportais, praza da Ferrería, praza de Ourense, praza da Peregrina, Oliva, Marqués de Riestra, rúa Enrique Labarta, Xardíns de Vincenti ata chegar de novo á sede da Deputación.