Anabel Gulías sobre as emendas orzamentarias do PP: "Parecen apuntamentos sacados do Rincón del Vago"

Pontevedra
03 de febreiro 2020

Ante a cualificación de "orzamento machista" realizada polo Partido Popular, a voceira do goberno local fala de "burla ao feminismo" por parte de Rafa Domínguez e lembroulle que non se presentaron candidaturas aos catro postos de dirección xeral municipais

Anabel Gulías Mónica Patxot

Anabel Gulías, voceira municipal do goberno de Pontevedra, ironizaba este luns coas críticas realizadas polo Partido Popular ao orzamento municipal para este 2020, ao que presentou unha emenda á totalidade. A representante do goberno local afirmaba que parecían apuntamentos sacados do "Rincón del Vago"

Con este argumento sinalaba que as propostas populares non eran serias para o principal grupo da oposición e que demostraban que os populares non dedicaran tempo a ler con detalle o documento nin a informarse sobre os procedementos.

En canto ás críticas sobre un "orzamento machista" realizada por Rafa Domínguez, voceiro do PP local, para Anabel Gulías esta expresión é unha "burla ao feminismo".

Lembrou que os catro postos de dirección xeral se concederon a catro homes porque non se presentaron mulleres ás candidaturas. Ademais, engadiu, a responsabilidade política das áreas estará dividida ao 50% entre homes e mulleres.

En relación á loita de poder entre BNG e PSOE para repartirse os cartos do orzamento, a voceira municipal apuntou a que se elaborou de maneira equilibrada dentro das reparticións dun goberno en coalición e atendendo á representatividade.

Anabel Gulías sinalou que agardaba algo máis por parte do Partido Popular sobre os orzamentos que se debatirán en pleno o vindeiro venres 7.