Anabel Gulías, portavoz do goberno local, sobre Costas do Estado: "nin fai nin deixa facer"

Pontevedra
17 de abril 2023

Despois de que Iván Puentes, portavoz do grupo socialista do bipartito e candidato á alcaldía, afirmara que o Ministerio para a Transición Ecolóxica ten previsto investir 25 millóns de euros en Pontevedra en relación con proxectos de Costas, a portavoz municipal lembra que estes proxectos "serán cribles cando, por exemplo, remate o paseo a Marín" 

Proxecto de rexeneración da xunqueira de Ponte Sampaio Concello de Pontevedra

Iván Puentes, portavoz do grupo socialista do goberno bipartito local e candidato á alcaldía, anunciaba que o Ministerio para a Transición Ecolóxica investiría 25 millóns de euros en Pontevedra a través do programa "Pontevedra Flúe" con intervencións por parte do departamento de Costas.

A preguntas dos xornalistas, a portavoz municipal, Anabel Gulías, afirmou que "o futuro é algo impredicible". Aseguraba que se eses 25 millóns de investimentos son realidade, a valoración que fará o Concello será para facer "unha festa". 

A concelleira mostrouse molesta coa actitude do goberno central neste sentido e engadiu "xa é hora de que Costas faga algo por Pontevedra". Lembrou que Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, asegurara recentemente que a "desidia ou a dilatación dos prazos de Costas estaban impedindo o crecemento da cidade, que tiñamos previsto con proxectos concretos. Esa é a realidade, a día de hoxe, da relación entre Costas e Pontevedra".

Utilizou a frase relacionada coa obra 'El perro del hortelano', de Lope de Vega onde Gulías entende que Costas "nin fai nin deixa facer". 

Puxo como exemplo que desde 2016 comezaron a pedir concesións para Ponte Sampaio, que permanece "parado por un papel de Costas"; unha situación similar sofre Mollavao desde 2018 "e así ata ou infinito e máis alá", argumentou Anabel Gulías.

"O Concello valorará os proxectos concretos de Costas e serán cribles cando, por exemplo, remate o paseo a Marín. O que temos son futuribles", explicou pedindo que se desbloqueen os requirimentos administrativos para que o goberno local poida executar proxectos asinados, incluídos no plan de contratación na súa maior parte e listos para saír a licitación, engadiu.