Anabel Gulías, portavoz do goberno local, á espera da sentenza do TS sobre Ence: "agardamos que non se legalice o roubo da ría"

Pontevedra
06 de febreiro 2023

"Estamos esperanzados co que vaia ocorrer", afirmaba a portavoz do goberno bipartito antes de que o Tribunal Supremo se reúna este martes para adoptar unha decisión sobre os recursos de casación presentados contra a sentenza da Audiencia Nacional que consideraba ilegal a prórroga que permite á factoría pasteira manterse en Lourizán

Ría de Pontevedra, a estrada PO-11 e Ence ao fondo PontevedraViva

"Estamos esperanzados co que vaia ocorrer", apuntaba este luns Anabel Gulías, portavoz do goberno local de Pontevedra, ao ser preguntada pola decisión que se espera nos próximos días a partir de que este martes se reúnan os integrantes do Tribunal Supremo para analizar os recursos de casación presentados contra a sentenza da Audiencia Nacional, que considera ilegal a prórroga concedida polo goberno local de Mariano Rajoy para que Ence permanecese na ría de Pontevedra.

"O tema de Ence foi un pelotazo", admitiu Gulías, asegurando que foi comprada por "catro duros sabendo que a permanencia na ría tiña unha data de caducidade" e lembraba a concesión da "prórroga fraudulenta", facendo referencia á "sentenza clara da Audiencia Nacional" neste sentido, ao sinalar que non existe ningún motivo para que a pasteira quede nesta localización, expuxo a concelleira.

"Agardamos que non se legalice ou roubo da ría de Pontevedra", sentenciou Gulías para explicar que non coñece a ningunha cidade que evite apostar polo traslado da industria pesada para rescatar os seus recursos naturais.

"Aspiramos a recuperar a ría", manifestou sinalando que "esperamos que o Tribunal Supremo siga pola liña iniciada pola Audiencia Nacional, se non seguiremos na loita", avanzou anunciando que o goberno do Concello de Pontevedra seguirá loitando polo mellor para Pontevedra e para a recuperación dos espazos da ría en caso de que a resolución sexa desfavorable aos intereses defendidos polo goberno municipal.