Ana Pontón pide á mocidade que lidere o cambio para que Galicia teña voz no Congreso

Pontevedra
06 de abril 2019

A portavoz nacional do BNG xunto a candidata pola provincia de Pontevedra, Carme da Silva, mantivo un encontro con integrantes de Galiza Nova no local social do Gorgullón en Pontevedra

Encontro de Ana Pontón con representantes de Galiza Nova no local social do Gorgullón PontevedraViva

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamaba na mañá deste sábado aos integrantes da formación nacionalista Galiza Nova que a mocidade pase a converterse no motor do cambio necesario para que Galicia conte con representación no Congreso dos Deputados.

Pontón estivo acompañada pola cabeza de lista ao Congreso pola provincia, Carme da Silva, durante o encontro que se mantiña no local social do Gorgullón, en Pontevedra.

A máxima representante nacionalista sinalou que a presenza do BNG no Congreso servirá para a derrogación da LOMCE ou para rematar coas contrarreformas laborais que precarizan o emprego e que está a obrigar á xuventude a emigrar na procura de traballo noutros países.

Pontón pide un concerto económico propio que permita dispoñer de 3.500 millóns de euros anuais coa conseguinte creación de postos de traballo. Alega que desde Madrid o PP, PSOE e tamén Podemos e En Marea vetan continuamente propostas para reactivar a economía en Galicia.

Carme da Silva tamén incidiu na necesidade de que o BNG conte con representación no Congreso para que Galicia teña poder de decisión.