Ana Pontón inspírase no ‘modelo Pontevedra’ para a nova Xunta e para unha Galicia que se "anticipe aos cambios que necesita"

Pontevedra
08 de xullo 2020

A candidata do BNG presentou as súas propostas do para a posta en marcha dunha axenda urbana galega que permita "trasladar" a fórmula de Pontevedra a outras cidade de Galicia. Pide apoio "para poñer en marcha un novo proxecto de país inspirado no bo facer que hai en Pontevedra"

Ana Pontón con cargos e concelleiros do BNG de Pontevedra Mónica Patxot

O 'modelo Pontevedra' como medida para todas as cosas. O BNG adoita poñer Pontevedra como exemplo dos gobernos que busca implantar a todos os eidos, provincial, autonómico e a nivel estatal, e nesta campaña para as eleccións autonómicas do 12 de xullo non está sendo menos. 

A líder nacional do BNG, Ana Pontón, visitou a cidade varias veces durante a campaña electoral e este mércores regresou e, acompañada polos concelleiros e o alcalde e polos candidatos pola provincia Luís Bará e Manuel Lourenzo, pediu o voto aos pontevedreses para lograr na Xunta de Galicia o "soño" cumprido dos nacionalistas cando hai 21 anos chegaron á Alcaldía da cidade do Lérez. 

Pontón botou a vista atrás e lembrou que en 1999 houbo moitos veciños de Pontevedra que quixeron "compartir con nós un soño, poñer en marcha un novo proxecto de cidade", baseado na "confianza no que somos" e nun proxecto que buscaba que a cidade avanzara. Con esa confianza maioritaria do electorado ao alcalde desde entón, Miguel Anxo Fernández Lores, "demostramos que era posible derrotar ao PP e que era posible poñer en marcha un novo modelo de cidade"

Despois do 13 de xullo quere ter a confianza do electorado galego para, 21 anos despois, "poñer a Galicia en marcha" inspirándose en Pontevedra e promete, ademais, que se os galegos a respalda, poñerá en marcha "unha nova relación" co Concello que "permita que potencial que hai e os novos proxectos que se están impulsando teñan no Goberno da Xunta un aliado que permita que esta cidade siga avanzando". 

A cabeza de cartel do BNG visitou a cidade para dar a coñecer as propostas do programa electoral da forza de esquerda para a posta en marcha dunha axenda urbana galega que permita "inspirándonos no modelo de Pontevedra", trasladalo a outras cidades e vilas de Galicia. Quixo dicir aos pontevedreses que confiaron en Lores os últimos 21 anos que confíen nela para poñer en marcha "un novo proxecto de país inspirado no bo facer que hai en Pontevedra".

Este 'modelo Pontevedra' supón, tal e como sostén, "anticiparse aos tempos" e así quedou demostrado coa crise sanitaria actual, pois "hoxe Pontevedra foi unha cidade exemplar para enfrontar as novas necesidades que xera a Covid no noso país". Ese é o cambio que busca para Galicia, "que se anticipe aos cambios que necesita".

O cabeza de cartel da candidatura do BNG por Pontevedra, Luís Bará, tamén pediu á maioría social de Pontevedra que aposte polo "cambio transformador" que Ana Pontón busca para Galicia como no seu día apoiou e se mobilizou polo cambio liderado por Lores. Fixo extensivo este chamamento a unha maioría social de persoas de todas as idades e condición, do rural e de zonas urbanas e "a xente nacionalista e non nacionalista"

Bará insiste en que Galicia está nestes momentos nunha "encrucillada histórica" como na que estaba Pontevedra no ano 1999, tras décadas de gobernos de dereita que "paralizaron" e "confinaron" a cidade. Igual que naquel momento a cidade puxo en marcha políticas innovadoras e logrou converterse nun "referente premiado en todo o mundo", cre que unha Galicia coa primeira muller presidenta, Ana Pontón, poderá chegar ás mesmas políticas "transformadoras".

O alcalde de Pontevedra abriu o acto mostrándose "ilusionadísimo" pola "connivencia" do BNG e de Ana Pontón coa cidade e lembrando que o seu Goberno municipal leva "moitos anos traballando poñendo a Pontevedra no mapa" e agora "nos merecemos xa os pontevedreses contar cun Goberno na Xunta de Galicia que nos acompañe, que nos comprenda para seguir avanzando". 

O nacionalista manifestou que o seu desexo é que se faga en Galicia "o mesmo que fixemos aquí", poñer en valor as potencialidades de Galicia e "dar un paso de xigante" nunha comunidade que "se merece ter un futuro certo para os nosos fillos e para os nosos netos".