Ana Pontón: "Galicia xa cambiou. Esta campaña cambiouno todo e nunca nada volverá ser igual"

Pontevedra
18 de febreiro 2024

A líder do BNG aplaude un resultado "extraordinario" que "rompe todos os teitos electorais do BNG" pero admite que lle resultou "insuficiente" porque o seu obxectivo era "claramente, abrir un tempo novo". De todos os xeitos, mira ao futuro: "Hoxe non acaba nada, ao contrario, estamos máis fortes"

Comparecencia de Ana Pontón para avaliar os resultados do 18F EFE / Cabalar

"A loita segue", gritáronlle os militantes que este domingo seguían o reconto de votos das eleccións galegas desde a Nave de Vidán, cuartel xeral do BNG para a noite electoral. Ana Pontón seguira o reconto desde un cuarto anexo e, cando saíu para comparecer á prensa, abordárona, aplaudíronlle, sorríronlle e imprimíronlle ánimos.

Xusto despois, arroupada por toda a Executiva nacional do BNG, entre eles os pontevedreses Luís Bará, Carme da Silva ou Eva Vilaverde, sen esquecer o seu sorriso, pero con certa desilusión o rostro, fixo balance ante os medios de comunicación.

A xornada non resultou tan histórica como soñaba, cun goberno de coalición progresista liderado, por primeira vez en 43 anos de autonomía de Galicia, por unha muller e unha nacionalista, pero lograron un resultado "extraordinario" que "rompe todos os teitos electorais do BNG"

A pesar de todo, resultoulle "insuficiente" porque o seu obxectivo era "claramente, abrir un tempo novo e darlle aos galegos un goberno liderado polo BNG". Esa desilusión, ademais, admite que chegou á militancia e aos simpatizantes que escolleron a súa papeleta.  "Hai moitas persoas que neste momento están decepcionados e eu comparto esa decepción", recoñeceu.

A decepción non impide mirar cara ao futuro. "Hoxe non acaba nada, ao contrario, estamos máis fortes, con máis enerxía e máis preparados que nunca para traballar en positivo para este país", sinalou, tras telefonar a Alfonso Rueda e "felicitalo". 

Pontón recoñeceu que o seu traballo por chegar a novos votantes non foi suficiente e deben seguir traballando para "ver como conseguir ensanchando máis a base do BNG".

A pesar diso, lembrou que "os cambios non son fáciles, hai que pelexalos" e que os últimos 8 anos desde que lidera o partido "demostramos que esta organización non ten teito".

Aínda que non fixo historia como presidenta, si ve un novo ciclo na comunidade. "Galicia xa cambiou, esta campaña cambiouno todo e nunca nada volverá ser igual", dixo, avanzando que seguirá traballando na mesma dirección.

Ademais, deu as grazas aos seus pais, Aurita e Luis, e a toda a militancia e todo o equipo que permitiu realizar "unha enorme campaña, desde o respecto, pensando na xente, en positivo, ilusionante".

Tras estas eleccións, convertéronse na "indiscutible" alternativa ao PP. Son, agora, "un BNG consolidado, fortalecido, con máis ganas e máis empuxe que nunca" e esa enerxía trasladouna a quen quixo celebralo na Nave de Vidán. 

De feito, nesta sede o ambiente mantívose ilusionante durante todo o reconto, con grupos de simpatizantes quentando a atmosfera de cancións e aplausos. Cada novo escano confirmado, festexouse con aclamacións ata o final. Nin sequera cando xa se descartou unha vitoria ou a posibilidade dunha coalición abandonouse ese espírito.

LUIS BARÁ, ENTRE A SATISFACCIÓN E A DECEPCIÓN

O candidato do BNG por Pontevedra, Luis Bará, destacou o "momento de satisfacción" do seu partido polo resultado logrado nas eleccións deste domingo, pero recoñeceu que "non podemos obviar que é un día de decepción" por non conseguir o goberno da Xunta.

"Conseguimos mobilizar a ilusión e a esperanza dúas galegos", subliñou Bará.

A partir de agora, segundo o deputado nacionalista, seguirán traballando para "merecer a confianza" dos galegos nas eleccións de 2028, para as que "comezaremos a construír o proxecto de alternativa con toda a forza e a ilusión que nos dá este respaldo".

Arquivado en