Ana Pontón gaba o modelo "único e avanzado" de Pontevedra na xornada de mobilidade e compostaxe

Pontevedra
06 de maio 2017

A portavoz do BNG asistía este sábado na Facultade de Enxeñería Forestal ás Xornadas Nacionais de Mobilidade e Compostaxe organizadas pola formación nacionalista

Ana Pontón e Miguel Anxo Fernández Lores BNG

Os asistentes ás Xornadas Nacionais de Mobilidade e Compostaxe na Facultade de Enxeñería Forestal do campus de Pontevedra puideron comprobar como funciona un centro de compostaxe comunitaria a través dun mestre composteiro.

Este modelo de tratamento do lixo que o BNG está a desenvolver na cidade do Lérez e que quere difundir por toda a provincia a través da Deputación Provincial contou cos encomios da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que afirmaba na mañá deste sábado que a cidadanía galega é capaz de poñer en práctica modelos únicos e avanzados como o que se emprega en Pontevedra en relación coa mobilidade e a compostaxe.

A máxima representante da formación nacionalista destacou que o modelo de Pontevedra ofrece unha garantía de éxito.

Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, destacou na súa intervención na xornada que o seu obxectivo sempre se centrou en devolver a cidade aos cidadáns e para iso, afirmou, que foi necesario actuar en base ao coñecemento e con valentía política, a pesar da oposición que xurdiu cando se tomaron as medidas de peonalización. 

César Mosquera tamén interveu para explicar o funcionamento do sistema de xestión do lixo que se está acometendo a través do Plan Revitaliza da Deputación e no plan municipal Pontevedra Composta ten como principal obxectivo evitar a incineración masiva dos restos orgánicos dos residuos, tal e como obriga a lexislación europea de fronte ao ano 2020.