Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, visitaba este mércores o municipio de Poio para manter un encontro con representantes de organizacións deportivas, acompañada por integrantes da candidatura do BNG, que encabeza Marga Caldas, á alcaldía nas próximas eleccións.
A representante nacionalista afirmou que Poio é un "referente" en Galicia en materia de deporte de base, área na que Marga Caldas "tivo moito que ver" ao lembrar que foi a responsable deste departamento durante os últimos anos.
Pontón destacou a necesidade de potenciar valores esenciais nas prácticas do deporte de bse para conformar unha sociedade máis xusta, igualitaria e respectuosa. Tamén incidiu no fomento de hábitos de vida saudables grazas á práctica deportiva, entre outros factores.
Destacou tamén a importancia da colaboración directa cos clubs e as asociacións ao longo dos últimos anos para que o o deporte se convertera en motor económico no Concello de Poio e para manter unha base deportiva sólida.
Por outra banda, subliñou o modelo municipal que desenvolve o BNG ao asegurar que pon ás persoas no centro das políticas, fomentando actividades ao aire libre e apostando por equipamentos deportivos para a veciñanza. Apostou por promover o uso de todas as instalacións deportivas sacándolle rendemento ás instalacións dos centros educativos.
Pediu a confianza en Marga Caldas de cara ao 28M co obxectivo de que Poio continúe "situándose como un concello referente en calidade de vida e na preservación do contorna natural e ambiental".
Ana Pontón concluíu a súa intervención asegurando sentirse "convencida" de que a cidadanía de Poio seguirá apostando polo BNG para que o Concello continúe co seu avance, destacando a Marga Caldas como próxima alcaldesa.