Ana Pontón avala a Ernesto Filgueira como un candidato capaz de ofrecer "un futuro mellor" a Cerdedo-Cotobade

Cerdedo-Cotobade
28 de outubro 2022

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participou no acto de presentación de Ernesto Filgueira como candidato á alcaldía de Cerdedo-Cotobade nas vindeiras eleccións municipais en 2023. A máxima representante da formación nacionalista define a Filgueira como “unha persoa con experiencia e con solvencia e coa capacidade para darlle a este concello un futuro mellor, en definitiva, o alcalde que precisa Cerdedo-Cotobade”

Presentación de Ernesto Filgueira como candidato á alcaldía de Cerdedo-Cotobade BNG

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participaba este venres no acto de presentación de Ernesto Filgueira como candidato á alcaldía de Cerdedo-Cotobade nas eleccións municipais de 2023. 

A máxima representante da formación nacionalista define ao candidato como unha persoa con experiencia e con solvencia e coa capacidade para "darlle a este concello un futuro mellor, en definitiva, o alcalde que precisa Cerdedo-Cotobade".

Destacou que Filgueira é unha persoa "cos pés non chan" e o seu defensa de causas xustas, cooperando coa veciñanza e participando naquelas actividades relacionadas co ben público. Sinalou tamén o seu traballo na presidencia da comunidade de montes da parroquia de Viascón e na loita contra a implantación de parques eólicos.

Pontón explicou que o candidato do Bloque traballará por que o municipio sexa máis habitable, con apostas polos recursos propios e aproveitando a riqueza dos sectores produtivos, ademais de potenciar o "rico patrimonio natural, paisaxístico e cultural".

Afirmou tamén que poñerá os recursos do municipio  "a favor dos veciños e das veciñas sen permitir que a riqueza natural da que dispón sexa pasto de ningún espolio do lobby eléctrico en colaboración co PP". Lembrou que actualmente o Concello de Cerdedo-Cotobade perde habitantes e a idade da poboación é moi avanzada. Ademais, expuxo a situación acutal da sanidade pública chea de "carencias polos recortes do Goberno do PP", a necesidade de melloras urxentes en seguridade viaria e en humanización de espazos públicos.

Ernesto Filgueira agradeceu a súa elección "por aclamación" da militancia nacionalista e asegurou que se enfronta ao reto con responsabilidade e tamén con ilusión para abrir un tempo novo no municipio. "Quero cambiar este concello da man dos veciños e das veciñas, cunha política pegada ao chan e desenvolver un proxecto transformador", apuntou na súa intervención.

O candidato nacionalista prometeu unha política municipal integradora, a posta en marcha dun plan turístico propio e a aposta por un modelo enerxético sostible a favor da xente.