O coronavirus segue estendéndose entre a clase política española. Tras confirmarse o positivo polo COVID-19 de dous deputados de Vox, agora é a ex ministra de Fomento, Ana Pastor, a que deu positivo tras varios días de corentena na súa casa.
A dirixente do PP, que nas últimas eleccións xerais presentouse por Madrid e non por Pontevedra como era habitual nela, foi quen anunciou a noticia nas súas redes sociais.
A través da súa conta de Twitter, Pastor explica que permaneceu en casa desde o sábado pola tarde debido á febre e seguindo as indicacións médicas.
"Onte deume positivo a proba do COVID-19 polo que continuarei na miña casa os días que me indiquen os meus colegas. Eu estou perfectamente ben sen febre nin outros síntomas", explica a propia Ana Pastor.
A política pontevedresa engade unha "mensaxe de tranquilidade" ante esta noticia, xa que lembra que España ten unha "excelente" sanidade e profesionais "magníficos", polo que recomenda seguir os seus consellos para facer fronte á expansión do virus.
Fontes do partido confirmaron a PontevedraViva que Ana Pastor atópase na súa casa de Pontevedra, onde chegou o pasado sábado. Tras aparecerlle a febre e os primeiros síntomas dun posible contaxio do coronavirus, optou por cancelar toda a súa axenda pública e gardar unha corentena voluntaria.
Así, entre outros actos, renunciou a participar na manifestación do 8M en Pontevedra e no almorzo que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, organizou o pasado luns cunhas catrocentas persoas no hotel Galicia Palace.