Este venres, Pontevedra acollerá diferentes accións polo clima e a emerxencia ecolóxica. O Concello sumouse a todas as convocatorias que se desenvolverán durante esta xornada co obxectivo de sensibilizar á poboación e sumar a colectivos sociais ao Efecto PO2, a aposta municipal ante os problemas derivados do cambio climático.
Os actos iniciaranse ás 11.30 horas co despregamento da pancarta Efecto PO2 no balcón da Casa do Concello na Praza de España. Todos os grupos municipais e as diferentes entidades que colaboran neste proxecto contarán con representación neste acto.
Ao mediodía realizarase a entrega do manifesto polo Movemento galego polo clima na Subdelegación do Goberno. Un cuarto de hora máis tarde, a praza da Peregrina acollerá unha concentración de 400 escolares de toda a comarca convocados polas Escolas da Unesco.
O último acto será ás 20.00 horas cunha marcha polas rúas máis céntricas da cidade en defensa da emerxencia climática e promovida polo Movemento galego polo clima.
Ao longo desta semana e da próxima, a concellería de Promoción da Cidade desenvolve charlas sobre o impacto do cambio climático nos mares que bañan a costa galega. Xosé Antón Álvarez Salgado, investigador do CSIC, é o encargado destas sesións que van dirixidas a alumnado dos institutos públicos da cidade.
APOIO DA APDR
A Asociación pola Defensa da Ría (APDR) sumouse ao efecto PO2, despois de que Antón Masa mantivera un encontro coas concelleiras Anabel Gulías e Eva Vilaverde. Ambas pediron aos representantes deste colectivo que presenten propostas de actividades que se desenvolvan ao longo dos tres últimos meses deste 2019.
Antón Masa entregou á súa vez ao Concello o manifesto do Movemento galego polo clima, que será presentado este venres na Subdelegación. Ademais solicitaron que estes actos de sensibilización sobre o clima realícense durante todo o ano.
A concelleira de promoción Económica, Anabel Gulías, fixo un chamamento á cidadanía para participar na mobilización cidadá deste 27 de setembro e lembrou que Pontevedra é pioneira no impulso de accións reais para denunciar a emerxencia climática como o modelo urbano coa redución de emisións de CO2, a compostaxe ou a xestión eficiente da auga.