Amplían o prazo para o traslado do Parque de maquinaria ao Polígono de Barro

Pontevedra
25 de agosto 2023

Inicialmente estaba previsto o final da obra para o 29 de agosto e, a pedimento da empresa concesionaria Tragsa, demorarase ata o 27 de outubro

Rafa Domínguez, vicepresidente da Deputación de Pontevedra Mónica Patxot

A Deputación de Pontevedra acaba de ampliar o prazo para o traslado do Parque de maquinaria ao Polígono de Barro. Inicialmente estaba previsto o final da obra para o 29 de agosto e, a pedimento da empresa concesionaria Tragsa, demorarase ata o 27 de outubro.

O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez deu conta desta decisión aprobada este venres na Xunta de Goberno Provincial que presidiu.

As obras do novo Parque de Maquinaria ocupan dúas parcelas cunha superficie de preto de 8.800 metros cadrados e supuxeron a construción dunha nave principal, naves de almacenaxe e un edificio administrativo con oficinas. Teñen un investimento global, incluída a recuperación da Xunqueira de Alba, de preto de 4,4 millóns de euros.

Rafa Domínguez sinalou que o traballo no Polígono de Barro "está moi avanzado coa construción dos dous edificios xa finalizada" e queda por rematar a urbanización das rúas interiores.

O vicepresidente lembrou que este proxecto "vai permitir a recuperación da Xunqueira de Alba" que non se verá afectada por esta ampliación do prazo.

A empresa Tragsa xustificou a petición desta prórroga na subida dos prezos dos carburantes, no atraso que sufriu o proceso administrativo ao quedar deserta inicialmente a contratación do pavimentado, ademais aínda non dispón da enerxía definitiva neste equipamento o que condiciona a súa posta en funcionamento e, por último, aínda están a ser redactados os proxectos de legalización de todas as instalacións. A todos estes argumentos engadiu o atraso na entrega das subministracións causado pola folga no sector do metal.

CUNETAS SEGURIDADE

O vicepresidente tamén informou que o Goberno provincial aprobou a ampliación do prazo fixado no acordo marco para dotar de cunetas de seguridade á rede viaria de Deputación de Pontevedra. Finalizaba o prazo en setembro e prorrógase tres meses máis.

As cunetas transitables son un elemento de seguridade viaria que permite actuar con eficacia nas marxes das estradas nas que resulta imposible gañar sobreanchos.

Rafa Domínguez explicou que o acordo-marco divide a provincia en tres zonas (norte, centro e sur) que se adxudicaron cos seus respectivos lotes. En total actúase en 77 estradas provinciais de 54 concellos cun investimento de 1,9 millóns de euros.

AFORRO ENERXÉTICO

O último asunto abordado este venres na Xunta de Goberno Provincial foi a aceptación da concesión dunha axuda dun millón de euros de fondos europeos para renovar a iluminación pública exterior de dez concellos. Esta axuda supón o 85% do orzamento do proxecto, o resto financiarase entre a Deputación (8%) e o concello beneficiario (7%).

Trátase dunha axuda do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) de España que beneficia aos Concellos da Cañiza, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, Dozón, Fornelos de Montes, Pontecesures, Ribadumia, Rodeiro, Silleda e Tomiño.