Amplían a setembro as actividades nocturnas nos petróglifos de Mogor

Marín
29 de agosto 2015

Así, a empresa que coordina a programación do Centro de Interpretación dos Petróglifos de Mogor, Anta de Moura, propuxo ofrecer máis actividades relacionadas coas visitas, andainas e a promoción do patrimonio arqueolóxico

Visita nocturna aos petróglifos de Mogor Concello de Marín

Ante o éxito que acadaron este verán as visitas nocturnas guiadas que se realizaron nas noites dos venres na área dos petróglifos de Mogor, o Concello de Marín decidiu ampliar estas actividades ata mediados de setembro.

Así, a empresa que coordina a programación do Centro de Interpretación dos Petróglifos de Mogor, Anta de Moura, propuxo ofrecer máis actividades relacionadas coas visitas, andainas e a promoción do patrimonio arqueolóxico.

En concreto, realizaranse dúas visitas guiadas máis que se celebrarán os venres 4 e 11 de setembro.

Este último día, como broche á tempada estival, haberá unha actuación musical ao remate do paseo. Correrá a cargo dos músicos César Loureiro e Carmen Gallego (zanfona, violín e nickelharpa), que tocarán un repertorio tradicional europeo que terá como argumento principal a arte rupestre prehistórica no vello continente.

Ademais, haberá unha andaina o domingo 13 de setembro. Guiada por dous arqueólogos, terá un percorrido circular con saída e chegada no CIP de Mogor. Visitará o castro de A Subidá (e os petróglifos situados nel), o petróglifo de Godalleira (Mogor) e os propios petróglifos de Mogor. Tamén tratará sobre outros elementos arqueolóxicos e etnográficos situados ao longo do percorrido. Serán en total apenas catro quilómetros.

Xunto con todas estas actividades, a empresa acometerá a limpeza das estruturas arqueolóxicas do castro de A Subidá. Son uns traballos que consisten na limpeza da vexetación que medra nos muros expostos do xacemento castrexo, na que predomina a silveira. Trátase dunha actuación que requiren dunha especialización a fin de que a súa execución non afecte á conservación dos vestixios arqueolóxicos.

Arquivado en