Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, recibía este martes a Paulo Fontán, presidente da asociación Amizade, coa intención de estudar propostas para mellorar a accesibilidade de diferentes espazos públicos.
O colectivo de persoas con discapacidade conta cun convenio co Concello de Pontevedra para colaborar no control e execución de obras expoñendo as diferentes necesidades de persoas con mobilidade reducida.
Fontán solicitaba a mellora de accesibilidade no primeiro tramo da avenida Xosé Malvar, entre a rotonda de Valdecoorvos e A Seca, ao carecer esa zona de continuidade nas beirarrúas que facilite o desprazamento de persoas con discapacidade.
Ademais, o presidente de Amizade suxeriu que se habiliten espazos accesibles para que as persoas con discapacidade poidan asistir e ver sen problemas actos masivos nas rúas como a Cabalgata de Reyes, desfiles ou concertos. E sinalou que é importante non reducir o nivel de esixencia para que Pontevedra continúe sendo unha referencia en canto a facilitar a mobilidade en espazos públicos.
Fernández Lores recoñecía que hai espazos na cidade que son mellorables e que se vai tomar nota das peticións para trasladalas aos servizos técnicos.