'Amizade', 25 anos rompendo obstáculos para as persoas con discapacidade

Pontevedra
19 de abril 2013

A asociación naceu en 1988 da man dun grupo de personas da comarca de Pontevedra que pensaron que "dende o punto de vista asociativo podían defender mellor os seus dereitos". Un cuarto de siglo despois, Paulo Fontán aínda atopa "moitas tarefas pendentes" de cara a cumplir a súa misión: "lograr a plena integración social das persoas con discapacidade en todos os ámbitos"

Acción de guerrilla de alumnos de Ciencias Sociais para amosar a falta de accesibilidade na Oficina de Consumo Mónica Patxot

Un grupo de persoas con discapacidade da comarca de Pontevedra fundaba en 1988 a asociación AISMIP porque "dende ou punto de vista asociativo podían defender mellor os seus dereitos". Pasaron 25 anos, tras pasar por distintos nomes a entidade pasou a denominarse 'Amizade' e converteuse nun referente, pero o seu presidente, Paulo Fontán, aínda encontra "moitas tarefas pendentes" e "moitos obstáculos por superar" de cara a cumprir a misión coa que naceron, "lograr a plena integración social das persoas con discapacidade en todos os ámbitos".

Todo o traballo pendente non failles esquecer os grandes fitos logrados neste cuarto de século no que tiveron máis de 500 persoas socias. Este sábado 20 de abril decidiron celebrar o seu aniversario cun acto no Pazo da Cultura no que farán un repaso ás súas distintas vertentes de acción e renderán homenaxe ás persoas sen as que non tería sido posible facer realidade esta 'Amizade' entre Pontevedra e as persoas con minusvalidez.

Á hora de facer balance, Paulo Fontán ve dous fitos históricos que permitiron dar "saltos cualitativos e cuantitivos para mellorar os servizos que ofrecemos". O primeiro remóntase a 1997 coa integración na Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami). O segundo, a dez anos despois, en 2007, cando cambiaron o seu local na rúa Marquesa polas instalacións máis completas e funcionais que ocupan na actualidade no barrio de Monte Porreiro.

'Amizade' busca cumprir a súa misión a través da defensa e promoción dos seus dereitos, da reivindicación do cambio social, da potenciación do asociacionismo e da prestación de servizos que satisfagan as necesidades e expectativas dos seus socios e aínda que conseguiron importantes avances, recordan que aínda hai moito por facer, pois "nun mundo ideal, asociacións como a nosa non faría falta que existisen".

Como os seus 115 socios actuais e a súa Xunta Directiva viven cos pés na terra saben que aínda quedan obstáculos que romper e, malia todo o conseguido, van en aumento nos últimos tempos. As políticas de recortes e o freo que rexistrou a Lei de Dependencia deixaron ao colectivo nunha situación de "maior vulnerabilidade" e sitúanlles a anos luz desa sociedade ideal na que non sería necesaria a súa existencia porque "sería o Estado o que debería prestar os servizos que damos nós e outras asociacións como a nosa".

"As administracións públicas non cumpren coa súa función. Sendo optimistas, tardarán moito tempo en deixar de existir estas asociacións, pero, sendo realistas e visto como está sociedade, non imos deixar de existir nunca", lamenta Paulo Fontán e pasa a facer un repaso da situación actual do colectivo: "as persoas con discapacidade sempre estamos en crise. Necesariamente necesitamos en maior medida produtos farmacéuticos, servizos de terapia ou fisioterapia, axudas técnicas que non están financiadas, adaptar as vivendas ou os transportes..."

"Xa estabamos en desvantaxe co resto da sociedade e os recortes que afectan a todos en nós teñen aínda máis incidencia", valora e critica que "os recortes na Lei de Dependencia nos volven escravizar á axuda de familiares e amigos e fainos volver a ser máis dependentes".

Para minimizar ao máximo o impacto desa crise e axudar a mellorar a integración social e laboral das persoas con minusvalidez estruturan o seu traballo diario en torno a varias vías de acción: talleres de manualidades, achegamento ás novas tecnoloxías, actividades de ocio e tempo libre, accións de sensibilización social e política, deporte avanzado, formación no uso correcto da terminoloxía relativa e este colectivo, loita por lograr a accesibilidade universal.

Paulo Fontán valora positivamente que "a nivel xeral houbo unha evolución importante non senso de que hai 25 anos aínda se escondía ás persoas con discapacide, as familias sentían vergoña e agora tense mellorado na visibilización das persoas con discapacidade", pero aínda ve deficiencias a nivel educativo "na falta de transporte adaptado ou profesores de apoio" e a nivel laboral en que "a normativa que hai non se fai cumprir e segue habendo certos prexuizos empresariais".

De todos os xeitos, é no tempo de ocio no que hai máis defiencias: "a accesibilidade nos bens e servizos turísticos aínda se ten moito que traballar". A explicación vea clara. Nos primeos anos centráronse en loitar pola accesibilidade universal ou o acceso ao mercado de traballo e o sistea educativo mentres que "no ocio, a cultura, o deporte e o turismo empezamos a traballar máis tarde".