A situación actual da Casa Barroca do Ateneo de Combarro chegará o vindeiro mes de setembro á Fiscalía de Pontevedra da man das asociacións Amigos dos Museos de Galicia e A Solaina para a Defensa e Promoción do Patrimonio Histórico Artístico de Combarro.
As xuntas directivas das dúas asociacións acordaron a semana pasada que se "atopan na obrigación cívica" de poñer en coñecemento da Fiscalía Provincial de Pontevedra, mediante denuncia, esta situación.
As dúas entidades entenden que esa casa desde xaneiro de 2021 está inscrita pola Xerencia Territorial do Catastro de Pontevedra a favor dun titular que previamente (en 2020) declarouse propietario da mesma, e que nesa inscrición catastral e declaración de propiedade "puido haber accións, omisións ou declaracións rexistradas documentalmente que puidesen ser constitutivas de delito".
Esas accións que cuestionan "puideron facer posible a privatización, presuntamente fraudulenta, dun ben cultural", que estas dúas asociacións consideran que é de titularidade do Estado.
A casa fora sometida a un proceso de expropiación forzosa por razóns de utilidade pública, para convertela en Museo estatal de Artes e Tradicións Populares (Museo do Mar), en 1972-1973 (Decreto 3371/1972, do 22 de decembro) e estas asociacións defenden a súa titularidade publica para Museo do Mar de Combarro.
O pasado 5 de xullo de 2023, unha representación de ambas as asociacións reuniuse coa delegada provincial de Economía e Facenda. Nun comunicado, explican que esta responsable trasladoulles que o único cambio que se produciu respecto a este inmoble nos últimos meses era unha nova modificación de titular do mesmo no Catastro. En consecuencia, o ben en cuestión non se rexistrou como investigado.
Tampouco se realizou a investigación por parte da Avogacía do Estado sobre o proceso que levara á situación actual deste inmoble e, segundo estas dúas asociacións, a delegada comprometeuse a realizala nunha reunión previa o 15 de febreiro.
As asociacións ven "actitude inmobilista" deste departamento, e doutros dos organismos da administración do Estado aos que recorreron desde 2021.
A denuncia xa está redactada, en fase de consultas. Conta cun detallado Informe documental sobre esta Casa Barroca, con testemuños, evidencias e documentos nalgúns casos inéditos, que entenden ambas as asociacións é o máis completo dos dispoñibles sobre este ben de interese cultural.