Amigos de Pontevedra celebra as súas vodas de ouro cun recoñecemento ás oito institucións máis xenuínas da capital

Pontevedra
04 de agosto 2022

Pontevedra CF SAD, Museo de Pontevedra, SD Teucro, BM Cisne, Brilat, Filarmónica e Coral Polifónica, Sociedad Gimnástica e Gremio de Mareantes son as entidades homenaxeadas polo 50 aniversario das reunións de Amigos de Pontevedra, mentres que os premios individuais de cada ano recaen en Manel Loureiro, Carmen Torres Ferrer, Cándido Conde-Pumpido, Víctor Nogueira, Eduardo Esteban Meruéndano, Isolina Castro e a Confraría da Peregrina.

Presentación dos premiados polas vodas de ouro de Amigos de Pontevedra PontevedraViva

Na Praza da Leña, diante dos edificios orixinais do Museo de Pontevedra, tivo lugar a presentación oficial da edición máis especial dos galardóns de Amigos de Pontevedra. Esta tradicional reunión cumpre este ano medio século de historia, polo que celebrarán tal efeméride cunha entrega de premios excepcional que completará a tradicional entrega de galardóns anual que regresa este 2022, despois de dous anos de ausencia pola pandemia, en formato cea.

O xornalista pontevedrés Xabier Fortes foi o mestre de cerimonias. Rodeado dos premiados deste ano e representantes das institucións homenaxeadas polo medio século de historia de reunións de pontevedreses ilustres, o presentador debullou un por un os motivos que levaron ao comité organizador a elixir a estes premiados.

Na categoría do 50 Aniversario de Amigos de Pontevedra, a directiva acordou por unanimidade recoñecer a colectivos ou institucións que destacan por levar o nome de Pontevedra máis aló dos seus límites xeográficos. Os condecorados son o Pontevedra CF SAD, Museo de Pontevedra, SD Teucro, BM Cisne, Brilat, Filarmónica e Coral Polifónica, Sociedade Ximnástica e Gremio de Mareantes.

Na categoría anual de recoñecementos individuais, que este ano celebra a súa edición número 48, os premiados son o escritor Manel Loureiro, a mestra e primeira profesora de educación especial en audición e linguaxe Carmen Torres Ferrer, o maxistrado do Tribunal Constitucional Cándido Conde-Pumpido, o empresario Víctor Nogueira, o farmacéutico Eduardo Esteban Meruéndano, a decoradora e propietaria da tenda Electrónica Moderna, Isolina Castro; e a Confraría da Peregrina.

A cea de homenaxe terá lugar o próximo 12 de agosto ás 21.30 horas no Pazo da Cultura.