"Cando unha familia ten un fillo con necesidades especiais, o que mellor pode facer e encaralo de fronte e loitar por darlle recursos para o seu desenvolvemento. Pero unha das cousas que levas todos os días á cama é: 'que vai pasar con este fillo o día que nós non estemos?'".
Esta dúbida plantexada este xoves por Carlos Godoy, presidente de Amencer-Aspace, quedou resolta coa presentación da nova residencia que estreará o colectivo o próximo ano no Centro Sur de Pontevedra.
O alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado por membros do seu equipo de goberno e o presidente de Amencer presentou este xoves o proxecto de creación dunha residencia para os usuarios desta asociación que, se se cumpren os prazos, estará terminada en marzo do próximo ano.
Será unha instalación de máis de 1.000 metros cadrados e con capacidade para 32 persoas -16 por planta- e zonas comúns de convivencia.
Os dormitorios da planta primeira estarán destinados aos residentes con maior grao de dependencia. Inclúe oito dormitorios dobres con cuartos de baño integrados en todos eles. Os da segunda planta, que serán oito dormitorios individuais e catro dobres, con catro cuartos de baños comúns, serán para os residentes con maior grao de autonomía.
Cun orzamento de 1,5 millóns de euros procedentes dos fondos europeos EDUSI, o proxecto acaba de ser adxudicado á firma pontevedresa Construcciones Ramírez, que iniciará os traballos o próximo mes co obxectivo de entregar a obra nun prazo de oito meses.
"É a obra sociosanitaria máis importante do Concello nos últimos anos e terá continuidade coa terceiro e cuarto andar", explicou o rexedor, quen recoñeceu a complexidade do deseño da intervención.
Houbo dificultades porque este edificio será para dous centros sociosanitarios diferentes: Cogami e Amencer Aspace. "Houbo que facer unha planificación con accesos independentes, pero estou encantado porque se lle dá solucion a Amencer, porque hai persoas que necesitan esta residencia, porque me gusta o proxecto e porque se adxudica a Construcciones Ramírez, unha empresa pontevedresa e eses fondos se reinvisten na cidade", dixo o mandatario.
"É un soño que levamos moito tempor detrás de el", admitiu Godoy, dirixente dunha asociación que este ano celebra o seu trixésimo aniversario e que xa conta con ao redor dunha decena de usuarios que demandan unha praza nesta futura residencia.
Se a obra remata en marzo, "confiamos en que en septembro do ano que vén comecen a entrar os primeiros usuarios", sinala o presidente de Amencer que xa pediu á Consellería de Servizos Sociais que axilicen os trámites para ter todo preparado para esa data.