"Alzhéimer hoxe, mañá será tarde", unha campaña sobre a importancia da prevención e detección precoz

Pontevedra
21 de setembro 2021

A Federación Alzhéimer Galicia (FAGAL) conmemora este martes 21 de setembro o Día do Alzhéimer con diferentes actividades que se extenden ata decembro

Unha persoa facendo un puzzle Federación Alzhéimer Galicia (FAGAL)

A Federación Alzhéimer Galicia (FAGAL) conmemora este martes 21 de setembro o Día do Alzhéimer con diferentes actividades que se extenden ata decembro. Baixo o lema "Alzhéimer hoxe, mañá será tarde", recollen a necesidade de atender a este tipo de demencia desde o punto de vista da prevención e do diagnóstico precoz.

Dende esta Federación sinalan que si a realidade das demencias xa era preocupante antes desta pandemia, o desvío da atención, dos recursos e as consecuencias físicas, psicolóxicas, sociais e económicas que esta crise sanitaria está a provocar "preludian unha realidade moito máis devastadora". 

Por iso consideran fundamental incidir en que "hoxe é o momento no que máis esforzos débense depositar en atender unha realidade que cada día vai en aumento, porque mañá será tarde".

A Deputación de Pontevedra iluminou de violeta o Pazo Provincial a pasada noite ao abeiro do Día Mundial do Alzhéimer. O Goberno provincial subliñou a importancia da investigación, a dotación de recursos públicos e a sensibilización sobre esta enfermidade neurodexenerativa.

Para a institución é fundamental sumarse a estas iniciativas que teñen por obxectivo concienciar á cidadanía, aumentar a información sobre doenzas coma o Alzhéimer e manifestar todo o seu apoio ás persoas que padecen a enfermidade e ás súas familias, posto que se trata dun mal que afecta de xeito significativo tamén ás persoas achegadas do doente. Así o expresa Carmela Silva no audiovisual que se distribuirá este martes a través dos canais sociais da Deputación, no que insta á sociedade a reclamar "unha aposta decidida para ser capaces de atender ás persoas e tamén de ter os recursos necesarios para loitar contra unha enfermidade que afecta a tanta xente que está ao noso carón".

O Alzhéimer é a primeira causa de demencia, considerado desde hai uns anos unha tema de primeira orde en canto á saúde se refire. En Galicia, segundo FAGAL, hai preto de 70.500 persoas con Alzhéimer ou outro tipo de demencia; que afectan ó 12% das persoas maiores de 65 anos e ó 31% das persoas que superan os 85 anos.

A nivel mundial, a Organización Mundial da Saúde calcula que o número de persoas con enfermidades neurodexenerativas se triplicará e superará os 150 millóns en 2050; dos cales se poderían previr uns 40 millóns sen necesidade de fármacos evitando os factores de risco.

O tenente de alcalde, Tino Fernández, o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, e a deputada provincial Olga García Ballesteros visitaron este martes a mesa informativa e petitoria instalada pola Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e Outras Demencias de Pontevedra (Afapo) con motivo da conmemoración do Día Mundial do Alzhéimer.