"É un pau moi grande". Así define o director do departamento de Alertas Epidemiolóxicas do Sergas, Miguel Álvarez Deza, o brote de covid-19 detectado entre estudantes de diversos institutos de Pontevedra derivado dunha viaxe de fin de curso a Mallorca.
O epidemiólogo considera unha irresponsabilidade este tipo de viaxes multitudinarias, nos que non se respectou a distancia social nin o correcto uso de máscaras, que poden desembocar nun grave paso atrás nos plans de desescalada en pleno comezo da tempada estival. Denuncia tamén que moitos dos mozos citados aos cribados, ao redor do 50 %, non están a acudir á súa cita complicando aínda máis o rastrexo e a contención dun brote que, estima, seguirá crecendo nos próximos días.
"É unha irresponsabilidade por parte dos pais deixar ir aos seus fillos a unha viaxe multitudinaria", sostén Álvarez Deza quen critica tamén a participación en eventos sociais como concertos ou festas sen ningún tipo de medida anticovid.
Igualmente preocupante é a falta de colaboración por parte dos implicados. "Non nos están dando toda a información, non contestan o teléfono, non acoden aos cribados", lamenta o profesional, que nunha das xornadas de cribado que se están realizando estaban citados 174 estudantes, dos que só acudiron 84 e 32 deles deron positivo. "Se viñesen todos o número de positivos sería maior", asegura Álvarez Deza.
O epidemiólogo do Sergas reclama unha maior implicación e responsabilidade por parte deste sector da sociedade debido a que accións como non respectar corentenas, non acudir aos cribados, ocultar datos ou non respectar as medidas sanitarias poden facer que o brote se descontrole e obrigue ao Goberno para decretar novas restricións que leven a empresas á ruína.
"Este brote desbaratounos todo porque estabamos a volver a cifras normais", lamenta Álvarez Deza facendo referencia á prevista apertura do lecer nocturno e a retirada gradual da máscara. "Debemos extremar as precaucións", roga.
Sobre o brote, o médico cre que o número de casos seguirá crecendo nos próximos días e alerta do perigo que supón o variante Delta, coñecida tamén como a variante da India. Trátase dun virus que positiviza máis tarde que o resto de variantes, ata 14 días. Ademais é moito máis transmisible e hai estudos que alertan da súa resistencia ás vacinas, a pauta de vacinación completa pode ver reducida a súa eficacia ata o 60 %. "É perigoso", sostén.
Tamén lanza unha mensaxe de precaución para os mozos e adolescentes, que aínda non están vacinados. "Hai pacientes de 20 e 22 anos na UCI", desvela antes de sinalar que actualmente os adolescentes "son os máis vulnerables".
REUNIÓN EXTRAORDINARIA DO SUBCOMITÉ CLÍNICO
Como consecuencia deste brote, a Consellería de Sanidade acordou declarar contacto estreito a todos os estudantes que viaxaron a Baleares polo que terán que gardar unha corentena ata que a Central de Seguimento contacte con eles. Polo momento, a Xunta ten constancia de que estudantes de once centros de Galicia viaxaron a Mallorca e agora serán as respectivas áreas sanitarias as que contacten con eles para xestionar as PCR que terán que realizar estas persoas.
Neste sentido piden tamén extremar as precaucións e reducir os contactos ao máximo ás persoas que forman parte do círculo próximo a estas acudisen situación de risco.