Alumnos do buque-escola alemán "Gorch Fock" visitaron a Escola Naval Militar de Marín aproveitando a súa escala no porto de Vigo. O buque, que se encontra realizando a súa 163ª viaxe de instrución, saíu da súa base en Kiel o pasado 12 de novembro e visitou o porto de Saint Malo antes de recalar no porto galego. As próximas escalas previstas son o Arsenal Militar de Las Palmas e Santa Cruz de Tenerife.
Durante o programa de intercambio, os alumnos alemáns embarcados, que actualmente cursan o seu primeiro ano de formación, tiveron a oportunidade, de man dos gardamarinas españois, de visitar as distintas instalacións da Escola Naval, xantar no comedor de alumnos e celebrar un partido de fútbol entre ambas as dúas mariñas. O resultado foi o de menos, pois o importante era a confraternización.
Así mesmo, unha comisión de gardamarinas españois puido coñecer o "Gorch Fock" e a vida a bordo dos alumnos alemáns. No cruceiro do buque alemán tamén se forman alumnos invitados de moi diferentes nacionalidades como Senegal, Líbano e Repúblicas Bálticas.