Máis de 150 estudantes dos IES Valle Inclán e Sánchez Cantón de Pontevedra asistiron este mércores á Deputación para escoitar a charla de Belén Pérez, CISO de Nova Pescanova e coordinadora en Galicia de CCI (Industrial Cybersecurity Center).
Carmela Silva, presidenta provincial, tamén acudía a esta iniciativa que forma parte de 'Tecnolóxicas Week', unha actividade que impulsan ASIME e a Deputación. Silva lembrou aos mozos a importancia da ciberseguridade para as empresas, administracións e as persoas particulares ao estar expostos ás redes sociais co perigo de que os datos se empreguen para fins negativos. Reflexionou tamén sobre a necesidade de actividade educativa en relación co mundo tecnolóxico e a intelixencia artificial.
Animou, ademais, ás alumnas para matricularse nas carreiras tecnolóxicas e que ninguén lles poña límites. "As mulleres podemos e debemos estar en todo", afirmou a presidenta provincial na súa intervención.
Durante a charla, Belén Pérez alertou ao alumnado dos métodos para identificar os riscos no uso global das tecnoloxías da información e comunicación; os riscos en consecuencias do seu mal uso; a identificación de pautas para actuar; e a adquisición de bos hábitos no uso.
A experta tecnolóxica realizou unha comparativa entre Internet e a condución dun vehículo afirmando que "igual que un coche en malas mans pode ser unha arma, cun smartphone tamén se poden cometer delitos". Neste sentido, estableceu como exemplos de delitos "compartir calquera imaxe, vídeo ou número de teléfono sen o consentimento da persoa propietaria deses datos persoais". En relación co whatsapp, indicou que a idade mínima para poder rexistrarse é de 16 anos. Calquera menor que se rexistre sen autorización da nai ou do pai cometería un delito de falsificación de documento público, tipificado no código penal de menores e imputable, segundo engadiu.
Tamén advertiu dos perigos como a tecnoadicción, considerada unha enfermidade pola Organización Mundial da Saúde. España é o país con maior proporción de adolescentes con tecnoadicción ao afectar a ao redor do 1,5% desta poboación. Ademais, animou aos estudantes para ser conscientes da información que figura sobre eles na internet sen o seu control e que descoñecen quen pode emplarla e con que obxectivos.