Alumnado de Chancelas planta 200 cerdeiras nos montes de Combarro

Poio
21 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

Trátase dunha actividade organizada entre o Concello de Poio e a Comunidade de Montes para crear conciencia e poñer en valor a importancia de protexer o medio ambiente

O alumnado de cuarto de primaria do CEIP de Chancelas plantou 200 cerdeiras Concello de Poio

O alumnado de cuarto de primaria do CEIP de Chancelas participou este xoves nunha actividade organizada pola Comunidade de Montes de Combarro, en colaboración co Concello de Poio, para plantar 200 cerdeiras nos montes comunais polos que, ademais, transcorre a Variante Espiritual del Camino de Santiago.

Ata alí tamén se achegou o alcalde, Ángel Moldes, así como concelleiros do goberno para participar nunha actividade que pretende crear conciencia entre os máis pequenos ao mesmo tempo que se pon en valor a importancia de protexer o medio ambiente. 

"Moitos dos hábitos, valores e rutinas que adquirimos cando somos pequenos permanecen con máis facilidade como adultos, e por iso é fundamental educar ás xeracións máis novas no coidado e na protección da nosa contorna", manifestou o alcalde.

Membros da comunidade de montes explicaron como escoller o lugar e preparar o terreo para plantar as árbores, e incidiron tamén en como coidalos despois e, sobre todo, en protexelos cando se visitan os montes.

Posteriormente, por grupos e baixo a supervisión dos adultos, os estudantes foron cavando na terra espazos para plantar cada unha das cerdeiras. 

Unha xornada que, ademais, serviu de convivencia e para mellorar o seu coñecemento da contorna.