Alumnado da Universidade da Coruña prepara un proxecto para a recuperación paisaxística do Muíño do Coto

Pontevedra
09 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

O alumnado do Grao en Paisaxe da Universidade da Coruña está a traballar nun proxecto para a recuperación paisaxística do muíño do Coto e a súa contorna do río Gafos, entre a Estación de trens e a Ponte Boleira

Muíño do Coto Vaipolorío

O alumnado do Grao en Paisaxe da Universidade da Coruña está a traballar nun proxecto para a recuperación paisaxística do Muíño do Coto e a súa contorna do río Gafos, entre a Estación de trens e a Ponte Boleira. 

O tramo urbano do curso fluvial foi encaixonado entre edificios e canalizado baixo o Parque da Constitución en Campolongo, nos anos 70. A partir do ano 2007 acondicionouse este tramo do paseo fluvial paralelo á rúa do Gorgullón. Os traballos de desbroce nesta primeira fase destaparon o Muíño do Coto, un dos oito muíños do tramo urbano do río Gafos. Trátase dun muíño de dorna, con tres moas e unha canle que recollía a auga uns 100 metros augas arriba. 

O exercicio universitario ten como obxectivo a proposta de alternativas de deseño que permitan recuperar a estrutura orixinal do muíño, e integrala nun espazo verde público (máis extenso que o actual, tal como reflicte o PXOM vixente) onde a auga e a vexetación xoguen un papel destacado, desenvolvendo o seu potencial para atraer unha maior variedade de usos e usuarios, mellorando o interese estacional e a comodidade dos seus espazos e converténdoo nun espazo de referencia e orgullo para a veciñanza. 

Para este xoves, 11 de abril, esta prevista unha visita á zona por parte do alumnado da Universidade da Coruña (udc) que estarán acompañados por membros da asociación ecoloxista Vaipolorio.

Neste proxecto de paisaxe están involucrados 12 estudantes e dous profesores.