Alta participación e orixinalidade no desfile de Entroido de Cuntis, que estrea percorrido

Umia
02 de marzo 2025

O xurado deu premio á mellor carroza a 'O Arlequín', da asociación Mar de Fondo. Na categoría de comparsas, o primeiro premio foi para 'Entre Arlequíns e Pallasos'. En grupos, gañou 'Gandería Osborne'

Desfile de Entroido de Cuntis 2025
Desfile de Entroido de Cuntis 2025 Concello de Cuntis

O centro urbano de Cuntis acolleu este domingo o tradicional desfile de Entroido, un dos máis multitudinarios e cunha maior participación dos últimos anos, segundo confirma o Concello. 

Persoas de todas as idades tomaron parte na comitiva, que este ano estreou percorrido. Partiu das inmediacións do pavillón municipal e rematou na praza da Constitución. 

Segundo a información oficial, participaron 320 persoas, "unha das cifras máis altas nas últimas edicións". Entre elas, podíanse atopar persoas do propio municipio e doutras vilas da contorna.

As boas condicións meteorolóxicas axudaron tamén a que se vivise unha xornada do máis festiva en Cuntis, ao que se sumou a orixinalidade dos disfraces.

Referencias a películas de cine, recreacións de animais e vehículos de todo tipo, moito humor e retranca encheron as rúas de Cuntis. 

O xurado deu premio á mellor carroza a 'O Arlequín', da asociación Mar de Fondo

Na categoría de comparsas, o primeiro premio foi para 'Entre Arlequíns e Pallasos' e foron tamén premiados 'Cine Avenida', co segundo premio; e 'Feira, Fantasía y todo es alegría', co terceiro. 

En grupos, o xurado deu o primeiro premio a 'Gandería Osborno' e foron tamén premiados 'Maruxa trae a escoba', co segundo premio; 'Os comeverzas', co terceiro; e 'Na túa casa nun vira-vira', en cuarto lugar.

Nos disfraces por parellas, o xurado deu o primeiro premio a 'Vimos pasar o rato' e foron tamén premiados 'As pitonisas do Shein', co segundo premio; 'Pinocho e Gepetto', co terceiro; e 'Furby's do Entroido', co cuarto.

Na cateogría de disfraces individuais, o xurado deu o primeiro premio a 'A vaca parideira' e foron tamén premiados 'A familia loro', co segundo premio; 'Piter reparte zanahorias', co terceiro; e 'A guardiana do bosque', co cuarto.

O Concello repartiu un total de 3.000 euros en premios entre os disfraces mellor valorados polo xurado.

Ademais, mantívose a aposta iniciada na edición de 2024 de dar gratificacións económicas aos catro primeiros clasificados nas categorías de individual, parella, grupo e comparsa e tamén houbo un premio de 400 euros para a mellor carroza.