Algúns recursos do parque provincial de maquinaria sairán a poxa

Pontevedra
09 de setembro 2022

Concretamente poxarase a planta de aglomerado, a báscula de pesada de camións, o depósito de emulsión e o chafariz e depósito de gasóleo

Parque de Maquinaria PontevedraViva

A Deputación de Pontevedra sacará a poxa algúns recursos do seu parque de maquinaria. O pleno provincial aprobou este venres o expediente para desafectar varios elementos e instalacións deste servizo, actualmente situado na Xunqueira de Alba.

Concretamente poxarase a planta de aglomerado, a báscula de pesada de camións, o depósito de emulsión e o chafariz e depósito de gasóleo.

Isto obedece a que estes elementos xa non serán necesarios cando estean rematadas as obras do novo parque, no polígono de Barro.

Despois da poxa, os recursos que se obteñan van redundar en beneficio da administración provincial, segundo explicou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.

"Seguimos avanzando para a rexeneración da Xunqueira de Alba", sinalou Carmela Silva.

O pasado 30 de agosto a Deputación fixo a reversión en favor do Ministerio para a Transición Ecolóxica dos 14.673 metros cadrados que foron desecados en 1965 para a construción do parque de maquinaria.

Isto permitirá obter "en cuestión de días" o informe favorable de Costas para poder iniciar os traballos de rexeneración para converter este espazo nun gran prado con árbores autóctonas, cunha zona de lecer, con conxuntos de mesas, bancos e fontes. A actuación tamén contempla a apertura dunha senda para unir a rúa Martín Códax co Paseo da Xunqueira.

O desmantelamento do parque de maquinaria contará cun orzamento de 1.061.635,95 euros. 

Carmela Silva espera que, se non xorden contratempos, a finalización das obras en Barro e a rexeneración da Xunqueira se completen no primeiro trimestre do ano 2023, aproximadamente.

Nun principio estaba previsto que se construíse primeiro a nave de Curro, logo facer o traslado e finalmente demoler as instalacións da Xunqueira e empezar a rexeneración, pero complicacións coa cimentación da nova nave que se vai a construír obrigou a recalcular a estrutura e atrasou esta obra que agora se compaxinará coa rexeneración.

Provisionalmente, o servizo provincial de mantemento de estradas será trasladado durante uns meses a Príncipe Felipe. 

A obra supera os 2,2 millóns de euros e execútaa a empresa pública Tragsa. Na nova nave de Barro terán a súa base os nove traballadores do parque e os 18 operarios das brigadas provinciais.

Carmela Silva lamentou que a Xunta de Galicia non teña ningún proxecto para rexenerar os terreos que ocupan as súas instalacións na Xunqueira de Alba.