Alfonso Rueda: "Pontevedra non pode ser unha illa que non quere empresas. Todas as cidades pelexan por elas"

Pontevedra
06 de febreiro 2023

Desde a Xunta de Galicia farán "todo o posible" para que, "pase o que pase" coa sentenza do Tribunal Supremo sobre Ence, "Pontevedra teña futuro". Así o asegurou este luns, o día antes do fallo do alto tribunal, o presidente galego, Alfonso Rueda

Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia, no Liceo Casino de Pontevedra Mónica Patxot

Desde a Xunta de Galicia farán "todo o posible" para que, "pase o que pase" coa sentenza do Tribunal Supremo sobre Ence, "Pontevedra teña futuro". Así o asegurou este luns, o día antes do fallo do alto tribunal, o presidente galego, Alfonso Rueda.

Na súa intervención nun acto do PP con empresarios da cidade, que se celebrou no Liceo Casino, Rueda puxo en valor a "importancia" que ten a fábrica pasteira no tecido económico de Pontevedra e os "centos de familias" que viven da súa actividade.

"Espero non ter que lamentar nada", sostivo o titular da Xunta, que subliñou que "me preocupa moito" que o Goberno recoñeza agora que "non ten plan B" para afrontar as consecuencias dunha posible "situación non desexada".

Tras sinalar que Ence é unha "potencia industrial" na comarca, Alfonso Rueda lembrou que "sen futuro económico non hai futuro", polo que reiterou que Pontevedra "non pode permitirse dar un paso atrás" e seguir perdendo oportunidades.

Rueda destacou que Pontevedra "non pode ser unha illa que non quere empresas", máxime cando nestes momentos "todas as cidades pelexan por elas" e estas, ante a falta de apoio municipal, "están a instalarse noutros sitios e non aquí".

"Quero que a miña cidade sexa atractiva e para iso fan falta ideas, propostas e xente que as mova", sentenciou o presidente da Xunta, en referencia a Rafa Domínguez, o candidato co PP tentará recuperar a Alcaldía de Pontevedra.