Alfonso Rueda podería perder a maioría absoluta fronte a un bipartito BNG-PSOE, segundo o CIS

Pontevedra
25 de xaneiro 2024

Esta baixada do PP, que pasaría de 42 a entre 36 e 38 escanos, confirmaríase na provincia, onde lle prevén a perda dun, quedando en 9. O BNG pasaría dos seis deputados pontevedreses a entre 7 e 8 e o PSOE podería mesmo perder unha acta

Alfonso Rueda presenta as candidaturas do PP para o 18F polas catro provincias Mónica Patxot

O CIS pon en dúbida a maioría absoluta do PP de Alfonso Rueda que si predín todas as enquisas publicadas ata o momento. O estudo 'Preelectoral de Galicia. Eleccións autonómicas 2024' predice que gañaría as eleccións, sendo o partido máis votado co 43,2% dos votos e entre 36 e 38 deputados, pero abre a porta a unha posible coalición BNG-PSOE que daría a Xunta a un bipartito. 

A enquisa do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), publicada a unha semana do inicio da campaña electoral, sitúa aos nacionalistas como a segunda forza, con entre 20 e 23 escanos, moi por encima do seu teito electoral de 19, e dá o terceiro posto aos socialistas, que sumarían de 15 a 17. Entre os dous, poderían sumar os 38 escanos que implican a maioría do Parlamento galego. 

Esta baixada do PP, que na comunidade pasaría de 42 a entre 36 e 38 escanos, confirmaríase na provincia de Pontevedra, onde en 2020 logrou 10 deputados e agora prevenlle a perda dun, quedando en 9.

Segundo esta sondaxe, o BNG pasaría dos seis das anteriores eleccións a entre 7 e 8, a maior subida, e o PSOE podería mesmo perder unha acta. Tiña 6 e agora prognostícanlle entre 5 e 6. Ademais, daría a Sumar un posible escano na provincia.

O propio estudo, realizado do 8 ao 22 de xaneiro, cunha mostra de 11.011 entrevistas repartidas nas catro provincias galegas xa recoñece que o resultado podería cambiar polo elevado número de indecisos.

Así, sinala que o 29,8% dos enquisados decide a que partido ou coalición vai votar a última semana de campaña. Un 5,1% decídeo o mesmo día das eleccións.

Esta enquisa tamén pon en dúbida que Sumar entre no Parlamento, dándolle de 0 a 2 escanos. Ademais, deixaría sen representación a Podemos e Vox.

O CIS dá a Ana Pontón a principal subida e tamén a mellor valoración. Así, a nacionalista sería a líder máis valorada, cun 5,77 de media, seguida de Alfonso Rueda, cun 5,39. O terceiro sería o socialista Xosé Ramón Gómez Besteiro, por baixo do aprobado, cun 4,84. 

Aínda que a aritmética electoral podería poñer en dúbida a súa maioría, a sondaxe si sitúa a Alfonso Rueda como a persoa preferida para ser presidente da Xunta. Un 38,1% dos enquisados dálle esta consideración mentres que a Ana Pontón tan só vena así o 28,5% e a Xosé Ramón Gómez Besteiro un escaso 13 %. 

Aínda que algúns partidos e medios están a expor esta campaña en clave estatal, os galegos non o ven así. O 69,9% asegura que votarán o próximo 18 de febreiro pensando en "os temas propios de Galicia", e só un 20,3% farao pensando en "os temas xerais de España".

Para os enquisados, os principais problemas en Galicia son o paro (13,8%), xunto á sanidade (10,3%), a crise económica, os problemas de índole económico (8,2%) e o goberno da Xunta de Galicia co 5,5%. Un 43,5% dos enquisados cre que a situación económica actual en Galicia é "moi boa ou boa", mentres un 39,9% asegura que é "mala ou moi mala" e un 14,2% regular. 

A xestión do PP á fronte da Xunta de Galicia os últimos anos, primeiro con Alberto Núñez Feijóo e agora con Rueda, tamén entraba no estudo. Un 46,1% dos galegos indica que foi "mala ou moi mala", un 45,5% afirma que foi "moi boa ou boa", e un 7,1% asegura que regular. Comparada con hai 4 anos, só o 16% dos galegos afirma que a situación económica actual é "mellor ou moito mellor", un 32,2% que é "peor ou moito peor", e un 50% asegura que está igual. 

Arquivado en