Alfonso Rueda, en PontevedraViva Radio: "Presentaremos á mellor persoa para optar á alcaldía en 2019"

Pontevedra
06 de outubro 2016

Así o recoñece nunha entrevista no programa Cara a cara de PontevedraViva Radio. "Somos un partido de goberno e o noso obxectivo é tentar gobernar", asegura con respecto á Alcaldía de Pontevedra. Pero o que non desvela é quen será o candidato do PP en 2019. Jacobo Moreira, Lupe Murillo, el mesmo...? "Queda moito percorrido para saber quen vai ser o candidato", afirma

Alfonso Rueda, nos estudos de PontevedraViva Radio Mónica Patxot

Desde que hai sete meses Alfonso Rueda (Pontevedra, 1968) fora elixido como presidente do PP de Pontevedra, o aínda vicepresidente da Xunta en funcións marcouse uns obxectivos claros. Entre eles, recuperar a deputación provincial e o Concello de Pontevedra para os populares. A data clave é maio de 2019. Será entón cando se celebren unhas eleccións municipais que o PP ten xa marcado en vermello no seu calendario.

Aínda que Rueda asegura publicamente que "queda moito tempo" para esa cita coas urnas, o certo é que se traballa xa con ese horizonte. Así o recoñece nunha entrevista no programa Cara a cara de PontevedraViva Radio. "Somos un partido de goberno e o noso obxectivo é tentar gobernar", asegura con respecto á Alcaldía de Pontevedra, onde non volveron a gobernar desde que o BNG de Miguel Anxo Fernández Lores sucedese a Juan Luís Pedrosa en 1999.

"Non é fácil pero temos tempo suficiente para convencer á xente de que podemos facelo ben", asegura. Pero o que non desvela é quen será o candidato do PP en 2019. "Non me atrevería a dicilo", explica ao ser preguntado sobre se Jacobo Moreira volverá encabezar a candidatura popular. "Está a facer un gran labor en circunstancias nada fáciles", concédelle ao actual portavoz municipal, pero engade que "estes galóns de candidato hai que gañalos día a día".

Alfonso Rueda afirma que "queda moito percorrido para saber quen vai ser o candidato" e atrévese a recoñecer que "era consciente" de que cando lle propuxo a Lupe Murillo formar parte da candidatura do PP por Pontevedra nas pasadas eleccións autonómicas "ían saír esas elucubracións" sobre se será a elixida para tentar derrocar a Lores. "Tentaremos presentar á mellor persoa para optar á alcaldía", limítase a dicir, aínda que entende como "lóxicas" esas quinielas porque o PP "elixe sempre candidatos potentes".

Nesta entrevista en PontevedraViva Radio, Rueda reflexiona tamén sobre o goberno provincial que encabeza Carmela Silva, no que ve "moita propaganda" pero está a deixar "desatendidos" aos pequenos concellos. Ademais, celebra a fusión entre Cotobade e Cerdedo e anima a máis concellos a seguir o seu exemplo, reflexiona sobre a crise do PSOE onde espera que "se impoña a cordura e reflexionen" e fala sobre o "enganchado" que está actualmente a Twitter, unha rede social na que "lamento ter entrado tan tarde", e sobre a súa afección ao 'running'.

Ademais, reflexiona sobre o resultado electoral do 25-S. Asegura que "non era nada fácil manter os once deputados en Pontevedra" e, contradicindo ao resultado da enquisa de PontevedraViva, aclara que os votos ao PP en Galicia "non son unha cuestión de modas ou de costumes", senón que a xente cada vez que vai votar "pensa realmente se o que está a gobernar fíxoo ben e se cre que o que aspira a gobernar pode facelo mellor".

Seguirá como vicepresidente da Xunta? "Quen coñeza a Feijóo sabe da súa forma de traballar. Ten as súas decisións tomadas e anúnciaas cando considere oportuno. Sabe que estamos á súa disposición para estar onde sexa necesario. Non haberá nin discusións nin malas caras, tocará estar onde toque", conclúe.