Alfonso Rueda aspira a continuar como presidente do Partido Popular provincial

Pontevedra
27 de xullo 2021

O actual presidente anunciou que presentará a súa candidatura para ser reelexido presidente dos populares de Pontevedra no Congreso previsto para o sábado 18 de setembro na cidade do Lérez. Rueda indica que o reto é seguir mantendo a unidade do partido, que conta con 30.000 afiliados na provincia

Alfonso Rueda, amosando os resultados do 12X na provincia Mónica Patxot

Alfonso Rueda pretende continuar á fronte do Partido Popular de Pontevedra e este martes anunciaba a presentación da súa candidatura para optar á reelección no cargo tras o Congreso previsto na cidade do Lérez o sábado 18 de setembro.

O actual presidente sinala que durante este último lustro realizouse un traballo moi intenso para renovar as filas populares, marcado polas numerosas citas electorais en todos os ámbitos. Destacou tamén o traballo e a experiencia destes últimos anos para afrontar unha nova etapa para conseguir a vitoria nas próximas municipais en Concellos onde quedaron moi preto na última convocatoria.

Rueda afirma que quere contar co apoio tanto do afiliado máis novo como do máis veterano e encomiou o esforzo dos 30.000 afiliados que teñen os populares na provincia. 

O seu obxectivo pasa por manter a unidade do partido, garantindo a estabilidade alí onde goberna, con capacidade para xestionar os momentos máis complicados e nas peores situacións, afirmou.

Desde este martes 27 de xullo pódense presentar  lsa  precandidturas e recoller os apoios dos afiliados. Para optar á reelección, Alfonso Rueda deberá presentar un mínimo de 75 apoios nun prazo que finaliza o 4 de agosto.