Alfageme pasa a mans da Xunta tras pagar 780.000 euros na súa poxa

O Salnés
20 de decembro 2012

A Xunta farase cargo tanto das fábricas de Ribadumia e Vilaxóan como da marca Miau. Ningún outro ofertante acudiu á poxa, salvo unha firma comercial que tan só estaba interesada en comprar a marca comercial

Conservera Alfageme

Alfageme pasa a mans da Xunta de Galicia. O goberno galego pagou un total de 780.000 euros na poxa celebrada hoxe no xulgado do Mercantil numero 3 de Pontevedra, con sede en Vigo. Farase cargo tanto das fábricas de Ribadumia e Vilaxóan como da marca Miau. Ningún outro ofertante acudiu á poxa, salvo unha firma comercial que tan só estaba interesada en comprar a marca comercial.

En concreto, a Xunta ofreceu 210.000 euros pola factoría de Ribadumia, 350.000 pola de Vilaxoán e 220.000 pola marca comercial. O goberno autonómico ten agora 20 días, como así solicitou ao xuíz, para ceder as instalacións a unha terceira empresa. Segundo avanzaron os portavoces sindicais das 150 traballadoras de Alfageme, esperan que frutifiquen as negociacións coa firma cántabra O Consorcio.

As traballadoras de Alfageme encheron a sala do Mercantil de Vigo, tras ser testemuñas da poxa, a expectación deu paso a un sentimento xeneralizado de incerteza.

Non ocultan un certo alivio, tras quedar a fábrica en mans da Xunta, pero agora esperan que este longo periplo que pasaron teña un final feliz.

A portavoz de CIG, Rosa Abuín desexa "que non haxa máis esperas e que a Xunta non poña ningunha desculpa e que adxudique Alfageme", neste sentido a sindicalista insiste en que "todos sabemos que a firma El Consorcio está interesada".

Este grupo cántabro El Consorcio comprometeríase a manter eses postos de traballo durante cinco anos e a non vender os activos nun período mínimo de dez, ademais de asegurar o retorno á Xunta do 50% dos beneficios obtidos pola marca, ata un máximo de tres millóns de euros, nun prazo de dez anos. Dado que a recuperación da marca Miau no mercado levará o seu tempo.

"A Xunta non ten desculpa", afirmou Abuín, "en 20 días ten que adxudicar".

Pola súa banda, o representante da CGT, Miguel Ángel Cuña, considerou que a "a mobilización dos traballadores" forzou á Xunta a dar este paso. E anunciou que agora esixirán que "as dúas plantas sexan adxudicadas a un proxecto industrial coa incorporación da plantilla.

Á poxa acudiu tamén Gustavo Lago, fillo de Juan Lago, propietario de Promalar a promotora urbanística que no seu día adquiriu Alfageme.

Arquivado en