Alertan sobre a proposta do PP de construción dunha plataforma loxística entre Pontevedra e Vilaboa

Pontevedra
08 de maio 2024

O deputado por Pontevedra e portavoz de Medio Ambiente, Luís Bará, presentou unha proposición non de lei na que se insta á Xunta a elaborar un estudo para a dotación na área de Pontevedra dunha plataforma loxística que garanta a intermodalidade e o desenvolvemento do Porto de Marín

Porto de Marín Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra

O deputado por Pontevedra e portavoz de Medio Ambiente, Luís Bará, presentou unha proposición non de lei na que se insta á Xunta a elaborar un estudo para a dotación na área de Pontevedra dunha plataforma loxística que garanta a intermodalidade e o desenvolvemento do Porto de Marín.

O BNG tamén pide á Xunta que desbote como emprazamento desta plataforma loxística os terreos das parroquias de Tomeza e Bértola situados nas inmediacións do ENIL do río dos Gafos-Tomeza-Toxal.

Alerta sobre esta proposta do Partido Popular de construción dunha plataforma loxística entre Pontevedra e Vilaboa porque o pasado xoves 2 de maio, a portavoz do PP na comisión de industria do Parlamento galego, Cristina Sanz, afirmou que o PP defendía como alternativa da plataforma loxística ou porto seco do Porto de Marín terreos situados entre Pontevedra e Vilaboa.

A citada portavoz empregaba este argumento para rexeitar a proposta de crear unha plataforma loxística nos terreos de Leborei, en Cerponzóns.

Os nacionalistas lembran que no ano 2014 a Xunta desbotou unha proposta similar, formulada polo PP de Pontevedra, para crear unha área loxística de 72 hectáreas en terreos situados entre a vía férrea e o río dos Gafos-Tomexa-Toxal, nas parroquias de Bértola e Tomeza.

Segundo Luís Bará, "unha infraestrutura destas características é unha proposta absolutamente aberrante, que afectaría ao ENIL do río dos Gafos, ao ámbito de protección doutras infraestruturas viarias, ao Camiño Portugués e a outros proxectos de desenvolvemento da zona".

O BNG considera que "o goberno galego debe aclarar se ten algún plan ou proxecto para dotar o Porto de Marín dunha plataforma loxística" e tamén "se baralla a posibilidade de construir esta plataforma de solo industrial e de intercambio de mercadorías nas inmediacións do río dos Gafos-Tomeza-Toxal".